Isidro traballaba como mecánico en Conde Medín, na Coruña, mais os cartos que gañaba nesa época non eran suficientes para manter o nivel de vida que agardaba cos seus vinte e cinco anos, sobre todo para garantirlle un bo futuro aos seus dous fillos. Foi unha antiga veciña, que estaba en Inglaterra, quen o animou a facer as maletas e coller rumbo ao Reino Unido. O seu destino foi Norfolk, ao norte do país, onde chegou cun contrato asegurado como camareiro dun hotel.

Os seus primeiros recordos da chegada son da estación Vitoria, en Londres, á que seguiu unha longa viaxe en coche cara ao enderezo que levaba escrito á man nun pequeno papel. Logo de dúas horas en coche atravesando o país, sen tempo sequera para comer algo, chegou xa entrada á noite ás portas do hotel onde os donos, unha escocesa e un francés, o recibiron cunha folla en que se describía, en inglés, o menú. De xeito que tivo que dedicar aquela noite a estudalo para poder poñerse a traballar o antes posible.

A proximidade dunha base militar provocaba que o aloxamento fose parada habitual de pilotos americanos que sempre o trataron moi ben, tanto a el coma a Mari, a súa dona. Daquela, Norfolk era unha vila pequena, que tiña un único bar. Naquel pub en que se reunían de cando en cando, recorda que había unha máquina de discos como principal reclamo. Certo día, os mecanismos do aparello deron en brindarlles unha canción italiana que falaba da mamma que provocou que todos se botasen a chorar de pura melancolía.

Logo de seis meses en Norfolk, grazas a unha parella española que coñecera na igrexa, atopou emprego en Londres como mordomo na casa particular dun matrimonio xudeu, onde estiveron arredor de tres meses ata que decidiron cambiar cara a outra casa, nesta ocasión, dunha viúva onde debían coidar de dous nenos. Non obstante, debido ás condicións inestables do servizo doméstico, en que non estaban asegurados, decidiron volver ao traballo na hostalería, servindo os almorzos dun hotel durante ano e medio.

Transcorrido ese tempo saíulles a oportunidade de trasladarse a Cornualles, unha coñecida zona de veraneo, cun contrato no Hotel Saboya. Foi unha época bonita, o persoal estaba aloxado en bungalós e había moitos españois. Alí axiña ascendeu a xefe de sección e chegou ter un axudante de orixe austríaca, Gerard. Malia todo, tras certas diferenzas co manager do hotel, que tamén era español, tomou a determinación de volver a Londres onde, a través dunha axencia, se empregou como camareiro no Gran Spa Hotel de Bristol como responsable da sección de viños. Desta vez cruzouse no camiño unha gripe. Logo de que o manager o ameazase con despedilo pola ausencia, decidiu marchar el mesmo para traballar nun dos mellores restaurantes de Inglaterra.

Nesa época en Bristol mercou casa e puideron levar con eles os seus fillos, aos que escolarizaron nun colexio católico da cidade á que axiña se adaptaron. A sorte quixo que, despois dunha semana de deixar o restaurante, chegase á súa caixa de correo unha carta do director do Gran Spa de Bristol onde, tras a súa marcha voluntaria, lle ofrecían ser xefe de comedor. Puxo unha serie de condicións e alí estivo ata que, cando tivo unha oferta do Hotel Sancrisa, na Coruña, puido a morriña, venderon a casa, mercaron piso na cidade herculina e emprenderon a viaxe de volta. Mais coa súa chegada atopou un revés co que non contaba, o hotel estaba sen rematar. Tirou de aforros durante case un ano en que estivo sen traballar ata que se viu obrigado a marchar de novo, desta vez rumbo a Gales, como manager dun hotel onde dicían que durmira Henrique VIII. Tivo que marchar só pero ao pouco de estabilizarse alí a súa muller foi con el, os fillos deberon quedar coa avoa en Galicia. Cando os cativos creceron e chegaron á adolescencia, á avoa xa lle custaba moito a crianza, polo que decidiron regresar de forma definitiva. Aquí ocupouse como taxista ata que se puido xubilar, aínda que recoñece que o regreso foi, en moitos sentidos, máis duro cá partida.