José refire que a súa experiencia na emigración se parece máis á actual de moitas persoas españolas que van ao exterior como expatriadas, por conta da empresa en que xa traballan, ou, en todo caso, á de tituladas que aspiran a mellores condicións laborais fóra do país. A emigración anterior aos anos setenta a Europa ou as grandes vagas migratorias a América nada teñen que ver coas súas vivencias. O seu destino foi A República Dominicana, desde outubro do ano 1991 a marzo de 1995, por conta da empresa Unión Fenosa, de que era empregado.

Naquel momento tiña 42 anos e o cargo de delegado de Unión Fenosa para a provincia de Ourense e Lugo desde había seis anos. Ingresara na empresa logo de rematar a carreira de Enxeñería Industrial en 1974. Antes de Ourense, fora destinado a Santiago e Ferrol. Estaba casado e tiña tres fillos, de 14 , 10 e 5 anos. A súa muller traballaba como enfermeira no Hospital de Ourense.

O seu pai fora emigrante no Uruguai a metade da súa vida e iso influíu na decisión de aceptar o desafío dunha nova experiencia laboral que se presentaba como moi interesante polo tempo de permanencia no exterior. Consideraba positivamente que se trataba dun período limitado a uns tres anos e que contaba co acordo de regresar ao mesmo posto que por aquel entón ocupaba en Ourense.

Unión Fenosa gañara un concurso internacional convocado polo Banco Interamericano de Desenvolvemento (BID) para prestar apoio e realizar melloras organizativas e operativas na empresa eléctrica estatal da República Dominicana. A súa misión consistía en responsabilizarse dos proxectos de Comercial e Distribución, para o que contaba cun pequeno equipo de 4-5 persoas con quen realizar a análise da empresa e propoñer plans de mellora. Outros compañeiros tamén aceptaron o mesmo desafío migratorio ocupándose no departamento de Xeración e de Recursos. En total, era un grupo dunhas vinte persoas.

A vida laboral foi esixente, pola necesidade de propoñer melloras e conseguir resultados urxentes nunha empresa con numerosas horas de apagóns, ao non dispoñer da suficiente potencia eléctrica para o mercado existente, e que, ademais, non cobraba a metade da enerxía que fornecía.

A adaptación da súa familia foi máis fácil, aínda que non exenta de dificultades. Os seus fillos formáronse nun colexio español e a súa muller exerceu como voluntaria nun hospital infantil. A estancia na República Dominicana permitiulles tamén coñecer países próximos, coma Cuba, EE. UU. e México.

Daquela as comunicacións coa familia eran regularmente por carta. Sempre considerou a experiencia como moi positiva, tanto no laboral coma no persoal, pola riqueza e diversidade das vivencias.