Graciela Margarita fixo o camiño contrario. Esta venezolana que vivía no centro de Caracas casou cun emigrante galego, Serafín Portugal. O seu home estaba encantado en Venezuela, mais vendo a situación do país e o futuro que viña por diante, decidiron emprender o retorno, sobre todo pola presión dela.
Serafín Portugal emigrou a Venezuela en 1954 porque a situación en España era caótica. A súa nai, mestra rural, non cría que a situación fose mellorar, polo que aconsellou o seu fillo que marchase non a gañar diñeiro, senón que fose a un país con futuro e en onde non houbese grandes desigualdades. Serafín pensou en EEUU, onde lle ofrecían traballar coidando gando, mais como non tiña experiencia escolleu Venezuela nun momento en que un bolívar valía ao troco trinta e dúas pesetas.
Serafín marchou co título de bacharel e en Venezuela estudou Ciencias Sociais. Foi supervisor no Instituto Nacional de Vivenda, onde mil cincocentas persoas dependían del. Colaborou como filántropo no programa de cultura do Centro Galego e todos os domingos tiña un programa, Sempre en Galiza, nunha emisora de radio. Ademais, escribiu varios libros, como Vivencias dun galego en Venezuela e Reflexións dun emigrante retornado. Celso Emilio Ferreiro dependía del na Secretaría de Cultura.
A traxectoria migratoria de Graciela é de Venezuela a España; en 1995, debido ao empeoramento das condicións de vida e das perspectivas de futuro en Venezuela, decide comezar unha vida nova en Galicia, un país novo para ela. A súa experiencia coa emigración é dobre, primeiro polos seus vínculos coa emigración galega e o activismo cultural en Venezuela, e despois como inmigrante en Galicia.