José decidiu irse a Cataluña aos 17 anos –aínda conserva o salvoconduto emitido pola Garda Civil por ser menor de idade–. Tomou a decisión porque xa a súa familia emigraba antes, tanto tíos, coma avós, coma os seus propios pais. Antes de marcharse vivía con estes últimos e tres irmáns e encargábase de coidar as vacas, unha vida que apenas lle ofrecía recursos económicos, por iso tamén se animou a coller as maletas.

Ao primeiro pensaba en emigrar a Andalucía, a Sevilla, por unha simple admiración ao equipo de fútbol desa cidade, mais finalmente decantouse por Barcelona, onde xa o seu pai estivera traballando. Foise un venres pola tarde, no Changai, e chegou un domingo ás 12.00 da mañá. O primeiro que lle sorprendeu da grande urbe foron os taxis amarelos e tamén o Arco do Triunfo, na aldea non existían esa clase de cousas.

Recorda ao chegar estar na Praça do Pi, no corazón de Barcelona, e comezar a chorar ao se acordar da súa avoa. La garda de asalto viuno tan desamparado que se compadeceu, levándoo a unha especie de convento que acollía nenos e mozos. Alí contratárono para lle dar de comer aos animais, coidar a granxa en xeral, axudar na cociña e facer recados, polo que lle pagaban 50 pesetas; un dos recados consistía en pasar por diferentes hoteis da zona nun triciclo con motor recollendo entre 30 e 40 Kg. de sobras de comida para levar aos porcos.

Logo dun tempo, suxeríronlle aprender o oficio de cociñeiro e mandárono a un colexio de xesuítas. Alí encargábase das compras, ademais de se ir formando na cociña. Chegado un punto levaba a mesma vida ca os propios curas xesuítas que residían no colexio, e mesmo comezou a estudar bacharelato no Instituto de Manresa, onde a congregación tiña unha casa. Compaxinaba estudos e o seu traballo habitual.

Tras cinco anos e coa reválida xa aprobada empezou Maxisterio. Para iso fixo un trato co Colexio La Salle, que tiña un centro de cabaleiros en Cambrills, consistía en seguir alí coas súas tarefas na granxa e como axudante de cociña a cambio de aloxamento e de estudos gratuítos. Durante esa fase tamén traballaba de noite nun restaurante de praia como camareiro. Recorda naquel tempo a noticia da chegada do home á lúa.

Cando rematou a carreira tivo que facer outra vez a reválida de bacharelato, esta vez pola igrexa, e para iso tiña que desprazarse a Barcelona, e logo presentouse a outra reválida para ter o título oficial de Maxisterio. Pouco tempo despois, aparcou os seus estudos e embarcou como camareiro na compañía transmediterránea que facía a ruta Barcelona-Canarias e Barcelona-Mallorca.

Con motivo dunha enfermidade decidiu volver á casa, mais xa recuperado embarcou de novo, esta vez máis lonxe, rumbo a Holanda. Era unha etapa en que moita xente se ía aos Países Baixos en busca de emprego, así que el tamén se decidiu. Unha vez alí deseguida encontrou traballo nunha fábrica de tellas. Vivía nun barracón da empresa, alí comía e durmía. A partir da súa experiencia como cociñeiro, era el quen se encargaba de preparar o menú para el e outro compañeiro, e así ía a medias nos gastos. Vivía atado á fábrica xa que facía moitas horas extra, mais a final de mes sacaba un bo soldo.

Durante aquela fase conseguiu contactar coa embaixada de España en Amsterdam e o cónsul propúxolle ser intérprete na Agregaduría Laboral, mais como lle pagaban pouco, decidiu seguir a traballar na empresa de tellas porque estaba ben considerado e tiña un bo soldo.Co paso do tempo, aos trinta e moitos, decidiu volver a España para formar unha familia. Aquí comezou a traballar como profesor contratado só durante o curso, ao acabar quedaba sen soldo e sen seguro. Por aquel entón coñeceu a que sería a súa muller, casaron, mercaron un piso e tiveron dous fillos. A nivel laboral seguiu a dar clases, aínda que particulares, mentres non se convocaban oposicións. Cando se presentou por primeira vez a elas suspendeu, así que ao ano seguinte decidiu centrarse e dedicarlle todo o tempo, de xeito que aprobou , converténdose por fin en funcionario.

En resumo, José conta que aínda que viviu situacións duras, pasando fame e ganas de durmir, sente que nunca tivo grandes problemas nin alá nin acá. «Cada sitio ten o seu encanto, xa que en todas partes sempre hai quen te queira, nuns máis que noutros, mais iso ocorre con todo».