José emigrou a Panamá en 1950, con catorce anos, onde vivía o seu pai, e de alí marchou a Venezuela catro anos despois, un destino moi común naquel entón. Venezuela deulle moitas oportunidades: con dezanove anos entrou a traballar nunha institución militar durante nove meses, logo lavando pratos, como camareiro, secretario…
Con moito esforzo e sacrificio traballaba polo día e cursaba bacharelato por nocturno, a que considera a mellor decisión da súa vida, xa que lle permitiu, como el di, non traer moito no peto, pero si no cerebro. Despois matriculouse en Psicoloxía e no ano 1971 comezou a traballar na universidade. Casou cunha compañeira de estudos e tiveron tres fillos, os tres con estudos universitarios.
Para José o problema que ten a emigración é a adaptación aos costumes, á cultura, mais considera que se el o fixo, tamén calquera o pode facer. «No por inteligencia, sino por constancia y por mi habilidad para adaptarme al país, pude estudiar, graduarme, graduar a tres hijos y cualquiera que haga el esfuerzo y tenga inteligencia adaptativa puede hacerlo». Para José a readaptación en Galicia está a ser dura, de feito, comenta que lle está a custar máis do que podía imaxinar.