Cando o home de Carmen quedou sen traballo pensou en se embarcar, mais como desexaban estaren xuntos, decidiron emigrar, unha decisión tomada co corazón e co pensamento, xa que en Galicia non había oportunidades.
O destino escollido polo matrimonio foi Rotterdam, animados por outros amigos que traballaban alí, unha cidade de que gustaran cando a visitaran como turistas. Rotterdam, cuxo porto naquela época era importantísimo, descubriulles outro mundo. Naquel momento saíra aprobada unha normativa conforme as persoas estranxeiras que non tivesen traballo tiñan que abandonar o país, polo que tiveron que solicitar permiso e conseguiren traballo.
Carmen sabía costura e comezou a traballar nunha fábrica de confección. Os comezos foron difíciles porque era un traballo en cadea, cun límite de vinte e cinco pezas por hora, cando ela estaba acostumada a realizalo libremente e de maneira artesanal. O seu home traballaba nos tranvías da cidade.
En Rotterdam relacionábanse con moitos españois e moitos galegos, o que lle dificultou a aprendizaxe do idioma, mais Carmen integrouse con facilidade. Tiñan unha boa vida e mercaban cousas que en Galicia aínda non existían. O país acolleunos marabillosamente, e boa proba diso é que ao seu home lle recoñeceron unha pensión con trinta e cinco anos, algo que aquí era impensable. Carmen comenta que non só non se arrepinte do que fixeron, senón que bendito o momento en que tomaron esa decisión.

Co seu home co traxe típico holandés
Fábrica holandesa