Esther Benilde naceu en Vilapedre, no concello de Vilalba (Lugo) «nunha aldeíña de tres casas en plena montaña onde só se vía ceo, monte e neve no inverno». Mais, aínda que era un sitio illado, tamén alí chegaban os ecos do progreso noutras latitudes do mundo a través das cartas que enviaban os familiares emigrados. A súa familia recibía novas dos seus tíos desde A Arxentina, Cuba ou Os Estados Unidos, polo que estaban moi afeitos a falar do estranxeiro. Xa desde pequenos, Esther e os seus irmáns tiñan ilusión por saíren de alí, pois na escola, como ela relata «pouco máis aprendían que cantar o Cara el sol».
Esther refire que se criaron con moita pobreza, sen ningún xoguete, mais con moito cariño e sen pasar nunca fame. Os seus pais, explica, «eran moi intelixentes e sabios para a época en que lles tocou vivir». A súa tía materna, emigrada na Arxentina, veu de visita en 1953 e convenceu os seus pais para que foran a Bos Aires, e así comezou o itinerario migratorio na súa casa: primeiro marchou o seu irmán maior, en 1957, con tan só 15 anos, e en 1964 ela, cando contaba 20 anos (menor de idade, naquel momento).
Era unha mañá de sol que lembra nitidamente, un 3 de novembro de 1964, cando embarcou no Monte Umbe, un barco dunha compañía vasca. A nave separábase lentamente do porto mentres soaba a canción El emigrante de Juanito Valderrama, e o seu pai despedíaa entre bágoas desde o peirao. No barco, uns señores encargábanse da protección dos menores que viaxaban sos, e Esther lembra como todos marchaban con tristeza por abandonar a súa terra e deixar atrás as súas familias. Vinte e un días despois, chegaba a Bos Aires.
Na capital arxentina, todo lle parecía enorme e diferente. Esther estaba admirada e contenta por encontrarse alí, nunha cidade chea de adiantos. Coches, avenidas, salóns de baile, casas con baño e gas nas cociñas, neveira, tocadiscos, televisión, lavadora e outras moitas cousas descoñecidas naquela altura na aldea de Vilapedre, onde poucas máis comodidades había que unha cociña bilbaína e unha lareira. Mais, por outra banda, nada a colleu por sorpresa, pois xa tiña escoitado moitas cousas acerca do progreso de Bos Aires.
Nun principio vivía coa súa tía, que emigrara en 1930. A tía de Esther, que tiña unha mentalidade moi conservadora acerca do traballo das mulleres, algo que ela atribúe ao feito de non ter a oportunidade de ir á escola, pretendía que a súa sobriña quedase con ela na casa facéndolle compañía, mais ela tiña claro que emigrara para poder facer a súa vida, e tiña ganas de traballar. Esther ilustra cunha anécdota persoal a situación das mulleres naquela época: Ao morrer a súa avoa, en 1960, as mulleres da familia tiveron que gardar un ano de loito, ela incluída, con tan só 16 anos, cando se encontraba no mellor da vida, sen poder saír da casa nin ir a festas, a bailes nin a ningures.
En Bos Aires axiña encontrou emprego nunha panadería que frecuentaba, e alí traballou durante varios meses malia as presións da súa tia. Pouco despois, deixou a panadería e comezou a traballar facendo chaquetas para unha xastrería en que estivo ata 1970. No Centro Galego de Bos Aires dispoñían de atención sanitaria e hospital, e por outro lado o Centro Lucense –do que os seus tíos foran fundadores– funcionaba como lugar de lecer, con piscina e pista de baloncesto. Alí congregábase moita mocidade galega para as festas e bailes que se organizaban nas fins de semana.
Naquel momento, xa o resto dos seus irmáns estaban espallados polo mundo, e unha das súas irmás vivía en Inglaterra desde 1968. Nesa época, na Arxentina empezaba a desvalorizarse a moeda, e como non tiña compromisos persoais e sabía que seus pais sufrían por estaren tan lonxe, envioulle unha carta á súa irmá para que lle conseguise un traballo e probar sorte en Europa. En 1970 chegou a Londres, onde entrou a vivir coa súa irmá e o seu cuñado. Ao día seguinte de chegar, xa comezou a traballar nun hotel facendo camas e, aínda que non sabía inglés, conseguiu saír adiante preguntando todo o que non entendía. Na capital inglesa estivo ata 1983, etapa en que puido vir cada ano para visitar seus pais.
Ao pouco de chegar a Londres, atopou o que sería o seu marido, un veciño de Lousada que fora á mesma escola que ela. Empezaron a saír xuntos, e ao pouco tempo casaron. Esther lembra como nin un día libre colleron para a súa voda, pois ao día seguinte tiñan que traballar. O matrimonio tivo dous fillos en Inglaterra.
En Londres, reuníanse moito con outros galegos. O seu cuñado tiña alí sete irmáns e xuntábanse todos no Nadal e outras datas especiais. Esther garda un recordo moi positivo da forte amizade e solidariedade que había entre os emigrantes galegos, aínda que a vida alí era de sacrificio e de moitas horas de traballo con pouco descanso. Así como volveu da Arxentina cos mesmos cartos que tiña cando marchou, en Inglaterra traballou moitísimo máis co obxectivo de aforrar e poder facer a súa vida. A finais de 1983, o matrimonio decidiu volver para Galicia. Ao seu home tiráballe moito a terra , e os seus fillos tiñan entón 8 e 3 anos, polo que valoraron que era o momento axeitado para volveren. Esther lembra ese momento como moi triste, e di que chorou máis ao saír de Inglaterra que cando saíu de Galicia. Porén, está satisfeita de ter regresado.
A familia instalouse definitivamente en Ferrol, onde Esther xa tiña dous irmáns vivindo. Cos cartos aforrados na emigración, puideron mercar unha vivenda e poñer en marcha un negocio de hostalaría en Caranza. Finalmente, toda a súa familia retornou a Galicia, incluídos os seus tíos emigrados en Bos Aires.

Nos xardíns do centro lucense co seu irmá
Carnet do Centro Galego
Carnet do Centro Lucense
O día da súa voda en Londres
Co seu irmá ao seguinte día de chegar a Bos Aires
En Inglaterra no aniversario da súa filla
No bautizo do seu fillo
Na porta da súa casa en Londres cos seus dous fillos