"Mercedes naceu en Vilagarcía de Arousa e aos 10 anos embarcou en Vigo rumbo a Bos Aires coa súa nai e dúas irmás. Alí residía desde había uns meses seu pai e as súas dúas irmás maiores. O seu pai traballaba nunha empresa téxtil e a súa situación económica non era mala.
Ao chegar escolarizárona nunha clase dous cursos menos da súa idade, para que aprendese a historia e os costumes do país. Ela sentíase incómoda e moi pouco integrada pola diferenza de idade. Ao ver o seu malestar, a súa nai buscou unha profesora particular e con esa axuda, en poucos meses, pasárona ao curso correspondente á súa idade.
Neses anos Arxentina estaba gobernada por Perón e a súa muller, Evita Perón. Os alumnos ían todos vestidos igual, cun gardapó branco que o goberno lles facilitaba de balde aos nenos familias das familias máis necesitadas. Ademais, ao chegaren pola mañá ao colexio, dábanlles a todos un almorzo.
Aos 14 anos empezou a traballar cunha xornada de 6 horas e, como era menor, na mesma empresa asistía ás clases ata completar os estudos básicos. Nesa época acudía con regularidade ás actividades dos numerosos centros galegos de Bos Aires e foi nun baile de Entroido onde coñeceu ao que posteriormente sería o seu marido e pai dos seus tres fillos. El traballaba como taxista e ela nunha empresa de televisores.
En 1973, e xa cun neno pequeno, deciden regresar a España e instálanse en Redondela onde o seu marido traballa como guindastrista na construción da ponte de Rande. Nese tempo naceu o seu segundo fillo. Oito anos máis tarde volveron de novo a Bos Aires e montaron alí unha zapatería.
En 2002 a situación económica do país empeorou e o negocio non lles ía ben. Foi entón cando, animados polo seu fillo maior, decidiron vir para Tenerife. O seu fillo xa residía na illa coa súa esposa e un fillo pequeno. En Canarias viviron tres anos, ela traballaba como prateira nun hotel e o seu marido, como taxista.
En 2005 o seu marido quedou sen traballo e trasladáronse a Ferrol, onde vive o seu fillo mediano. Aquí segue a vivir a día de hoxe, xa xubilada.
Mercedes garda un bo recordo das boas persoas que coñeceu en todos os lugares onde viviu e, por iso, sempre se sentiu integrada".

No colexio no ano 1953
Na festa de entroido con 12 anos