Antonio Maseda naceu en 1941 en Vilapedre, Vilalba (Lugo), nunha pequena aldea da montaña. Alí chegaba información do que acontecía noutros lugares a través das cartas que enviaban os familiares que xa estaban na emigración. Así, Antonio foi o primeiro dos seus irmáns en emprender rumbo ao estranxeiro. Con tan só 15 anos, en 1957 embarcou en Vigo nun barco de carga de mercadorías con destino á Arxentina, nunha viaxe que había durar dezasete días.

Aínda hoxe lembra como a xente se mareaba cos movementos do barco, e que aquela noite lles deron coliflor para cear; xa nunca máis puido disociar a coliflor deste recordo. Ao chegar a Bos Aires, foi vivir cuns tíos que lle conseguiron emprego nunha tenda de fotografía. Antonio estaba afeito a traballar ao aire libre, na aldea, e o emprego no estudo fotográfico resultoulle triste, sempre ás escuras, metido no laboratorio de revelado.

A Arxentina deulle a oportunidade de se formar e de conseguir o certificado de estudos primarios, xa que na súa infancia apenas tivo oportunidade de ir á escola, e posteriormente estudou electrónica. Anos máis tarde, creou o seu propio negocio xunto a outro socio, co que conseguiu estar nunha moi boa posición económica, chegando a ter traballadores ao seu cargo. Tamén garda moi bos recordos da vida social que se facía ao redor do Centro Lucense, onde se reunía boa parte da emigración galega.

Casou en Bos Aires e alí tivo tres fillos. Tras dezaoito anos emigrado, e sen vir nunca ver os seus pais, puido volver en 1974, con ocasión do seu casamento, cando pasou tres meses de vacacións en Galicia. Antonio conta emocionado como a súa nai tiña a todos os fillos emigrados, e que fixera a promesa de que o día en que os vise a todos xuntos, faría ela a festa da parroquia, e así foi. Nese ano xuntáronse todos os irmáns na aldea para celebrar un fermoso reencontro.

Antonio estivo na Arxentina ata 1989, cando a situación económica empezou a empeorar e medraron os problemas de inseguridade. Naquela altura os seus fillos tiñan 5, 10 e 13 anos e, vendo esas perspectivas de futuro, tomou a decisión de volver xunto á súa muller, os fillos, os sogros, e os tíos del.

Antonio afirma que a súa verdadeira emigración foi o retorno a Galicia. Tras 30 anos vivindo na cidade bonaerense, sentíase xa máis arxentino que galego, pois marchou con tan só 15 anos e sempre se sentiu moi integrado e ben acollido, e acostumouse rapidamente. Ao volver, os seus fillos e a súa muller adaptáronse moi ben, mais el tivo que buscarse a vida, axudado por seus irmáns. Comezou como comercial para fábricas de calzado, e aínda que finalmente conseguiu sentirse cómodo, custoulle pasar de empresario emprendedor a comercial de calzado.

Actualmente, cando pode, continúa viaxando á Arxentina, un país que aínda sente como propio.

Antonio en Bos Aires
Antonio coa súa familia na primeira comuñón do seu fillo
Antonio coa súa irmá ao día seguinte de chegar a Bos Aires
Antonio coa súa irmá nos xardíns do Centro Lucense
Visita da súa nai
Visita do seu pai