Onelia emigrou a París en 1963 para reunirse co seu home, que marchara tres anos antes. Coma moitas outras familias emigrantes deixaron os seus tres fillos aquí, a maior interna nun colexio do Barco de Valdeorras e os dous pequenos cos avós maternos. A Onelia resultoulle moi duro marchar deixando aquí os seus fillos.

A través duns familiares do seu home, Onelia pronto conseguiu un traballo no servizo doméstico, unha ocupación moi habitual para moitas emigrantes. Estivo máis de un ano con ese emprego, pero como eran poucas horas e quería gañar máis diñeiro, comezou a traballar tamén nun restaurante.

Onelia sentiuse moi ben acollida nos seus dous traballos. No restaurante, a familia tiña unha nena pequena con quen se encariñou moito e a quen lle ensinaba palabras en español; isto tamén a obrigou a ela a aprender máis francés.

En 1966 o matrimonio regresou para a primeira comuñón da súa filla maior, e con este motivo os nenos puideron coñecer o seu pai, xa que estes eran moi pequenos cando el marchou.

Despois volveron para Francia levando con eles os seus dous fillos maiores, e deixando cos avós o pequeno. A familia estivo un ano máis en París e retornaron despois todos xuntos a Vilamartín de Valdeorras, onde montaron unha granxa de coellos.

Tres anos despois deste regreso o seu home decidiu emigrar de novo, desta vez a Holanda, quedando ela cos catro fillos, pois neste tempo tiveran outro. Onelia mantivo a granxa ata amortizar a inversión, e despois desfíxose dela. Continuou traballando no campo e coidando dos seus sogros maiores, que non cobraban pensión ningunha. Durante este tempo, aínda que vivía aquí, fíxose residente en Holanda, onde pasaba tempadas esporadicamente. Hoxe cobra unha pensión por ter traballado en Francia e outra por ter sido residente holandesa e polos seus catro fillos, aínda que xa son todos maiores.

Onelia en París