Enriqueta emigrou a Alemaña en 1967, onde permaneceu durante sete anos, ata 1974. Foise motivada polo desexo de atopar unha vida mellor, coma moitas outras persoas da súa xeración, que tiñan a percepción de falta de oportunidades e de expectativas nunha España sumida na posguerra e cunha férrea ditadura. Alemaña, porén, parecía un bo destino, xa que contaba cun desenvolvemento industrial elevado e ofrecía moitas oportunidades de emprego.

Foise moi nova, aínda non tiña cumprido os 18 anos, «chamada» por unha irmá súa que xa levaba dous anos no país. Esta arranxoulle a ida, podendo instalarse alí de xeito legal e con contrato de traballo. O seu primeiro emprego foi nunha fábrica de prendas de roupa, onde estivo durante tres anos. Logo foi traballar a unha fábrica de mobles, á que tiña que se desprazar en tranvía, tempo que aproveitaba para realizar un curso de alemán básico por correspondencia; e posteriormente, comezou a traballar como vendedora nuns grandes almacéns, como ela recoñece, de nome impronunciable: KarstadtAktiengesellschaft.

Actualmente di non ter queixa da súa acollida en Alemaña. Vivía nun pobo pequeno onde todos se coñecían. O cura católico saudábaos e faláballes de Santiago de Compostela, pois era o único que lles soaba de Galicia. Recorda que nas igrexas, nesa época, facían colectas contra a fame en España, o que amosaba a gran diferenza que había naquel momento entre os dous países europeos. En xeral, a súa integración foi moi boa, tanto, que lle custou máis reintegrarse en Galicia despois do retorno.

Mantiña a relación coa familia por medio de cartas, sentía moita saudade da terra. Botaba sobre todo de menos os seus pais e por iso finalmente se decidiu a volver. Concretamente o falecemento do seu pai e as cartas da súa nai pedíndolle regresar foron o detonante que a fixo virse, a pesar de que se sentía moi a gusto no país xermánico.

A día de hoxe, Enriqueta séntese ben, porén, a súa experiencia en Alemaña deixoulle unha fonda pegada cultural. Considera que a pesar de ter estado tan só 7 anos, foi tempo abondo para que agora a súa mentalidade sexa máis de alí que de aquí. Na actualidade, recibe puntualmente unha pensión do país estranxeiro.

Na fábrica, en Alemaña
Á beira do Rhin
Na súa casa con amigas