Aurelio marchou cun seu irmán á Arxentina en xuño de 1962, cando contaba 16 anos. A viaxe ata Bos Aires en barco durou dezasete días. Cando chegaron tiñan alí esperándoos outros tres irmáns que lles facilitaron moito a adaptación no país americano.
Desembarcou na gran cidade sen estudos nin coñecemento de oficio ningún. Deste xeito, decidiuse a facer alí, nada máis chegar, un curso de perruquería. Estivo dous meses en prácticas e comezou a traballar como axudante nun salón durante un tempo, recomendado pola academia en que fixera o curso, para logo pasarse a outro onde permaneceu tres anos. Foi ampliando a súa experiencia no traballo, mentres estudaba secundaria e inglés e un curso de administración de empresas. Esta preparación animouno a abrir o seu propio negocio, primeiro nun barrio nas aforas de Bos Aires e despois nunha zona máis céntrica onde contaba con clientela con maior poder adquisitivo.
Foise presentando a certames, chegando a gañar o primeiro Premio de Perruquería de Cabaleiros de Arxentina e dun certame internacional en París.

A nivel social integrouse ben. Casou cunha arxentina coa que tivo un fillo, mais aos dous anos separáronse. Nunhas vacacións de regreso a Galicia coñeceu a súa actual muller, arranxaron os papeis e ela foise con el á capital bonaerense, onde tiveron unha filla.
A economía no país comezou a bambear e por iso no ano 1979 fixeron as maletas, aínda que non para retornaren á casa, senón para colleren rumbo a Madrid. Alí Aurelio comezou a traballar no que ía atopando: comercial no sector inmobiliario, chofer, mordomo; ata que se decidiu a volver a Bos Aires para vender o apartamento en que vivira, que lle reportou o diñeiro para se facer cunha perruquería na capital española. Aquel era o seu oficio e ao que se quería dedicar, por iso, despois de tres anos alí reunindo aforros, decidiron por fin establecerse en Lugo de forma definitiva co obxectivo de abriren a súa perruquería. Así foi, mercaron un local e montaron un salón de señoras e cabaleiros.
Hoxe ten bos recordos da súa época de emigrante na Arxentina.