Asunción emigrou xunto co seu home e a súa filla de trece meses coa esperanza de se labrar un futuro digno. Procedentes dunha aldea do Corgo, a familia colleu rumbo ao Canadá nun barco fretado polo Instituto Español de Emigración xunto cun grupo de xente que ía traballar ao campo. Ao chegaren a Montreal atopáronse coa sorpresa de que non admitían matrimonios con fillos.
Á súa chegada foron enviados xunto con outros sesenta matrimonios a un campamento durante dúas semanas. Alí dábanlles de comer e podían lavar a roupa, mais non lles daban traballo. Por ese motivo decidiron ir á capital, onde os colleu a noite véndose sos, sen cartos, sen nada que comer nin ter a onde ir, e cunha cativa. Salvounos a solidariedade dun compatriota aragonés, que ao escoitalos falar lles ofreceu axuda pagándolles unha habitación durante quince días e axudándolles a encontrar traballo.
Ao principio comezaron recollendo botellas de Coca-Cola baleiras pola rúa polas que lles pagaban. Despois duns inicios tan duros e difíciles, o matrimonio foi atopando traballos en que tiñan que axustar os horarios para poder un deles quedar ao coidado da nena. Coñeceron outros dous matrimonios galegos cos que alugaron un piso xuntos para compartir, e así unha das mulleres quedaba coas fillas das outras parellas mentres traballaban as outras.
Asunción traballou nunha envasadora de olivas, nunha fábrica de pinturas, na limpeza dun hotel, durante a semana, e nas fins de semana ían traballar na colleita ao campo para gañar algo máis. En total estiveron dez anos no Canadá sen vir de visita nin unha soa vez; despois deste tempo de traballo e aforro volveron a Galicia, onde montaron unha empresa construtora. Aínda que non foi moito tempo, Asunción di que o regreso para ela foi decepcionante, xa que non encontrou aquí a evolución social á que ela viña afeita, e as vivendas de alugueiro eran poucas e deficitarias.

No barco de regreso ao Canadá, co seu home
No Canadá con outra galega con quen compartía vivenda, e as súas respectivas fillas