Con tan só 29 anos Carmen xa cargaba tras de si unha vida complicada e oito fillos, foi o momento en que lle propuxo ao seu esposo a emigración como unha alternativa. Foi el o primeiro en marchar a Francia, no ano 65, para traballar como xornaleiro entre os meses de maio e outubro nas minas de talco de Toulouse. Alí estivo ata a súa volta no 1969. Mais pouco durou o regreso xa que ese mesmo ano, tras informarse das boas condicións salariais que ofrecía Holanda, volveu coller rumbo cara ao exterior. Uns meses máis tarde, coa década dos 70 recentemente inaugurada, Carmen seguiu os seus pasos.

A chegada aos Países Baixos, onde botou case un lustro, foi sinxela grazas a boa acollida. Non obstante a ausencia dos fillos, que quedaran ao coidado duns tíos dela que non tiñan descendencia, sempre lle pesou. Ao chegaren foron vivir a casa dunha señora pola que sempre se sentiron ben tratados, o cal facilitou as cousas. Sen dúbida, o máis complexo daquel primeiro contacto de Carmen coa emigración foi o idioma, malia todo, grazas a súa perseveranza e as ganas por saír adiante logrou aprendelo rapidamente. Porque Carmen non perdía o tempo e aproveitaba calquera oportunidade para asimilar o neerlandés, desde o mesmo día en que chegou, cando aprendeu a contar ata dez mentres observaba uns cativos xogar á corda. O matrimonio accedeu a factoría de Firestone onde Carmen estaba destinada na unidade de fabricación de rodas de bicicleta mentres que el estaba na sección de rodas de avión.

Cando decidiron volver a España ao seu esposo diagnosticáronlle unha enfermidade pola cal lle concederon unha incapacidade laboral, regresaron a Holanda acompañados dun dos fillos durante uns meses para tramitar unha solicitude de pensión, foron unhas últimas semanas na diáspora, xa no ano 74, nas que traballou nunha lavandería e como pasadora.

No mes de novembro do 75, aproveitou unha viaxe a Madrid, onde debían acudir parar asistir a unha voda, para formarse como examinadora de autoescolas e sacar o título correspondente. Deu en atopar un novo traballo na capital, cara onde debeu mudarse no ano 76 xunto co seu home e os máis pequenos dos cativos porque os maiores xa cursaban estudos universitarios en León e Santiago de Compostela. Nesta época iniciou os trámites de separación e, malia as dificultades da época para este tipo de cuestións, conseguiu o divorcio e, finalmente, trasladouse a Lugo.

A vida de Carmen é un exemplo de esforzo e perseveranza na que o seu maior orgullo foi poder sacar adiante os seus nove fillos, dos cales moitos deles tiveron a oportunidade de ir a Universidade.