Otilia foise á Arxentina co seu marido no 1962, cando tiña 22 anos. Coñecéranse uns meses antes grazas a unhas vacacións en que el puidera virse a Galicia pasar un tempo, xa que estaba no estranxeiro desde cinco anos atrás. Víronse por primeira vez un 4 de maio e en tres meses, o 2 de agosto, casaron.

A ela custoulle facer as maletas xa que deixaba aquí os seus pais sos e era unha cuestión que lle amolaba, aínda que acabou pesando máis o poder acompañar o seu marido ata Bos Aires, o seu destino concreto.
Ao chegaren á gran cidade buscaron un piso para se instalaren os dous. O seu marido xa tiña traballo de antes e ela dedicouse a levar a organización e limpeza da súa casa, el gañaba abondo coma para que Otilia tamén se tivese que empregar fóra. Deste xeito, optimizaba os seus recursos e establecía unha forma de vida máis ordenada.
Aos tres anos de estaren xuntos alá tiveron o seu primeiro fillo. Cando o pequeno tiña catro anos e medio, Otilia veuse con el unha tempada a Galicia, xusto un aniño, para que o neno coñecese as súas orixes e sobre todo para estar cos seus pais. Pasado un tempo puido vir tamén o seu marido durante un período máis curto para logo volveren de novo todos xuntos para a capital bonaerense.
No país americano foilles moi ben a nivel económico. El era unha persoa emprendedora, e asociado cos seus outros irmáns que estaban na Arxentina, dedicouse a varios negocios de carpintería e hostalería. Aínda que se atopaban nunha situación vantaxosa, el sempre suspirara por Galicia, e iso foi o que os motivou a volver.
Foi en 1974 que decidiron retornar definitivamente. Xa levaban 12 anos alá, o seu marido 17, e el sentía a necesidade de volver e establecer a súa vida en Galicia. Otilia conta que naquel intre, se por ela fose, ficarían, porque estaba perfectamente adaptada.
Tras o seu regreso, deseguida se reactivaron no persoal e no profesional. Tiveron unha filla máis e cos seus aforros, ao pouco de chegaren, fixéronse co traspaso dun negocio de hostalería en Lugo, que chegaría a ser o seu xeito de vida durante vinte e catro anos.

Otilia co seu home no centro lucense de Bos Aires
Co seu fillo nado en Bos Aires
Co seu home no bautizo do seu fillo en Bos Aires