Fillo de emigrantes, José Luis naceu e viviu en Cuba ata os catro anos, cando o mandaron de volta para Galicia, onde estivo ata que cumpiu os vinte e sete. Traballaba na Coruña como administrativo nunha empresa de construción, mais aínda así quixo emigrar para mellorar a súa situación motivado pola «envexa» que sentía ao ver as fotos dos emigrantes en Venezuela, que aos dous anos xa tiñan un automóbil, cando aquí aínda non había case ningún.
Marchou coa súa muller a Cuba, onde xa estivera o seu pai, para mellorar a súa situación económica. Alí traballou como contable nunha notaría, mais despois dun tempo, un galego de Mugardos amigo seu recomendoulle ir aos Estados Unidos. Daquela había que anotarse nunha lista de espera, mais el, por ser nativo cubano, tivo maiores facilidades para ir legalmente. A súa muller tivo que quedar en Cuba ate que el enviou ao consulado un certificado de que estaba traballando nos Estados Unidos.
José Luis marchou de Cuba o 2 de agosto de 1958, seis meses antes de que Fidel Castro entrara o 8 de xaneiro de 1959 na Habana consumando o trunfo da Revolución e o derrocamento do ditador Batista. O seu destino foi Nova Jersey. Alí tivo o seu primeiro traballo nunha fábrica de discos de vinilo, na Synthetic Plastic Company. Despois traballou como estibador no porto de Newark, o que sería o seu emprego definitivo, un traballo moi duro que foi mellorando progresivamente coa modernización técnica dos portos. O seu labor consistía en manexar grandes grúas para mobilizar mercadorías en contedores.
José Luis e a súa muller deixaran ao coidado dos avós paternos en Galicia unha das súas fillas, e tiveron outra na emigración. Cando viñeron a Galicia a buscala, a nena tiña doce anos e xa non quixo ir con eles, polo que seguiu aquí.
A súa vida laboral en Nova Jersey foi de moito traballo, en ocasións os sete días da semana, algo que os americanos non facían, mais o seu obxectivo era gañar diñeiro e aforrar para volver. En 1980 e despois de vinte anos traballando no porto, José Luis tivo un accidente laboral moi grave que motivou o seu regreso a Lugo. Como a súa filla quedou a vivir alí, durante moito tempo estiveron indo todos os anos pasar uns meses, ata que ela veu tamén definitivamente.