Rosa emigrou a Venezuela no ano 1958 e regresou en 2018. A viaxe era, nun principio, de vacacións para visitar o seu irmán, que xa emigrara uns cantos anos antes, e o que ía ser unha estancia de 3 meses acabou converténdose en 60 anos de vida no país.
Rosa emprendeu o camiño da emigración aos 15 anos. Ao ser menor de idade e ir sen acompañantes para Venezuela no barco, o seu “titor” foi o capitán. Isto permitiulle ter unha viaxe máis cómoda do habitual para o resto da pasaxe.
Ao chegar a porto, tiña que recollela o seu irmán, pero por unha confusión tardou un tempo en chegar. Se non chegaba a tempo, o capitán non podía deixala en terra e tería que levantar áncora e seguir o percorrido fixado, é dicir, Rosa seguiría a viaxe do barco ata Cuba. Por fortuna, o seu irmán conseguiu chegar no último momento e Rosa puido quedar con el.
Aos seus 15 anos non era moi consciente dos motivos polos que se tiveron que ir de Galicia. Co tempo si puido darse conta da mala vida e a opresión que se vivía en Galicia, sobre todo no rural.
Ademais, os pais de Rosa faleceran por enfermidade cando ela era unha nena e os gastos médicos derivados diso ocasionaran unha débeda familiar que era difícil de saldar coas posibilidades laborais que ofrecía Galicia. Polo tanto, o seu irmán decidiu emprender o camiño da emigración, ao que máis tarde se uniron ela e a súa irmá.
Rosa sempre tivo moi claro que non quería ser unha carga económica para o seu irmán, co que vivía en Venezuela.
Estudou beleza e comezou a traballar para defenderse por si mesma. Aínda que había a posibilidade de compaxinar o traballo cos estudos, estes eran en horario nocturno e non puido realizalos pola inseguridade que se vivía nas rúas.
Máis tarde casou (con outro emigrante galego) e formou unha familia. Desde entón dedicouse plenamente ao coidado das súas cinco fillas.
Anos máis tarde montaron un pequeno negocio no que viviron en primeira persoa as consecuencias do Venres Negro de 1983 e a forte desvalorización do bolívar fronte ao dólar. Moitos comercios e pequenas empresas quebraron tras a implantación destas medidas económicas.
Rosa mantiña o contacto cos seus tíos e curmáns en Galicia por carta e veu tres veces de visita antes do seu retorno.
Tiñan un teléfono fixo, pero en Galicia non todos os familiares tiñan teléfono. Ás veces, podía chamar á taberna, que tiña un teléfono público, e planificar a chamada cos seus familiares para días posteriores.
Igual que a súa marcha, o regreso a Galicia tamén foi casual. Á súa filla Karina outorgáronlle unha bolsa para estudar en Lugo. A Xunta daba axudas para a volta dos emigrantes retornados e Rosa aproveitounas para vir axudar a súa filla e as súas netas. Ao fin quedou aquí de forma definitiva, pero en Venezuela aínda ten ao seu marido e varias fillas coas súas respectivas familias.
Asegura que aínda lle custa adaptarse. Comenta con humor que temos que darnos conta de que non vivira un inverno en 60 anos.
Emigrar supuxo para ela empezar de novo, e volver empezar de novo nunca é sinxelo.