Emilio rematou os seus estudos de electricista e deseguida atopou aquí un traballo polo que lle pagaban 400 pesetas á semana, mais como era moi pouco diñeiro para as horas que dedicaba, comezou a pensar na idea de emigrar e mellorar a súa calidade de vida. Animouse a tomar esta decisión a través duns tíos seus que estaban fóra, en Inglaterra. Desde alá enviáronlle directamente á casa un contrato de traballo en hostalería, nun bar-restaurante, así que fixo as maletas e foise. Ao chegar estivo tres meses empregado nese local, mais deixouno porque remataba a súa xornada laboral moi tarde e debía coller un taxi a diario para volver á casa, o que lle saía caro demais. Foise á oficina de emprego e conseguiu un novo traballo, tamén en hostalería, esta volta no Hotel Hilton onde permaneceu durante un ano, primeiro en Servizo de Habitacións e aos tres meses en Restaurante. Nese posto gañaba máis de propinas ca de soldo. Tras todo ese tempo no país conseguiu entenderse en inglés, aínda que non nega que lle foi complicado, mais unha vez aprendido non o esquece máis, aínda a día de hoxe pode seguir sen atrancos unha conversa.

A mediados de 1971 regresou a España para facer o Servizo Militar e ao rematalo casou. Viviron durante un par de anos en Monforte de Lemos, traballando coa familia, mais decidiu emprender de novo rumbo a outro lugar para mellorar economicamente. Nesta ocasión o destino escollido foi Venezuela.

Animouse a cruzar o charco a través da visita duns tíos da súa muller que estaban alá traballando. Eles convencéronos de marchar porque tiñan unha empresa e podían empregar a Emilio directamente, e así foi. O 12 de outubro do 74 fóronse nun Boing 747 a Caracas, e de aí a Maracaibo. En tres días Emilio xa estaba a traballar na empresa propiedade do tío, que se destinaba á venda de bombonas de gas. Durante os primeiros cinco meses de estadía aloxáronse na casa da familia, mentres non atopaban un sitio adecuado para eles. Permaneceu durante tres anos na empresa, mais despois decidiu buscar outro traballo porque non tiña forma de ascender.

En 1977 comezou como representante de vendas da empresa de cosméticos Wella, onde estivo durante trece anos e catro meses. Con este novo emprego conseguiu triplicar as súas ganancias e máis tarde, a finais do 78, comprou a súa primeira vivenda. As cousas ían ben, así que ao ano seguinte, en 1979, viñeron por primeira vez de visita a España desde que se foran e trouxeron con eles o seu fillo, nacido o ano anterior.

O matrimonio tivo dous fillos: Emilio José, o maior, e Daniel, nacido no ano 82. Ambos volveron a España antes que os seus pais. Desde o ano 80 tiñan cada vez máis relación cos parentes en Monforte debido a que xa viaxaban anualmente á casa.

En 1985 a súa muller comezou a traballar. Seis anos despois, en 1991, el decidiu aventurarse nun novo negocio e deixar o seu traballo en Wella, porque coas ganancias dela tiñan as necesidades cubertas e podía arriscar. Entrou na venda de calzado e saíulle ben, cuadriplicou os seus ingresos.

Fóra do traballo a súa vida transcorría con normalidade, estaban integrados na vida social, aínda que fundamentalmente as persoas coas que trataban eran tamén galegas e galegos emigrados, algúns familiares e amigos cos que quedaban asiduamente no Centro Galego de Maracaibo.

Coas súas familias en Galicia relacionábanse a través de chamadas telefónicas. Ao primeiro non eran moi habituais porque a súa nai aínda non tiña teléfono na casa e tiñan que chamar primeiro unha veciña que lle avisaba e logo volver chamar para falar con ela, así que era un pouco complicado.

Finalmente, Emilio e a súa muller decidiron regresar a Monforte no ano 2009. Venderon as súas propiedades en Maracaibo e volveron para gozar por fin do merecido descanso.

Foi moi feliz en Maracaibo. Garda moi bos recordos en xeral e, sobre todo, grandes intres familiares. Ao fin e ao cabo, construíu nesa cidade unha parte moi importante da súa vida.