Juan emigrou coa súa muller a Gales en 1965, motivado pola presenza alá dun curmán. Foron en tren ata Francia e de alí cruzaron a Canle da Mancha en barco. Nada máis chegaren ao país facíanlles un recoñecemento médico e as autoridades entregábanlles un carné tipo DNI, que entre a comunidade emigrante chamaban «libriño da policía».

O familiar da súa muller emigrado en Gales facilitoulles moito as cousas, buscoulles traballo para ambos nun hotel ao norte do país antes da súa chegada, porque sen un contrato previo non podían entrar para quedaren.

Os primeiros dous anos e medio vivían nunha habitación con dereito a cociña e logo xa puideron comprar unha casa para ter familia. Así foi como as súas dúas fillas naceron en Gales.

Pasados os primeiros catro anos no país xa eran libres en sentido laboral e profesional, posto que a partir dese intre podían decidir onde ou como traballar. Antes dese tempo non podían máis ca ocuparen postos moi concretos, sobre todo no sector da hostalería.

Con relación ás súas fillas tíñano ben claro, querían ser eles os seus coidadores, desta maneira, a súa muller deixou o traballo no hotel para poñerse como costureira na casa, así podía criar as nenas e pasar tempo con elas. Juan, pola súa parte, continuou no mundo da hostalería, aínda que en postos de maior categoría. Con moito traballo e sacrificio conseguiu chegar ao cargo máis alto da súa rama, director de hotel. Era un gran hotel, moi reputado no país, a través do que coñeceu moita xente famosa internacionalmente coma Elisabeth Taylor.

A vida social era positiva. Relacionábanse con moitas persoas nativas, en xeral tiñan moi boa consideración da xente galesa, mellor ca da inglesa. Sempre aproveitaban o seu tempo de lecer para viaxaren, coñeceren o país. Conta que a día de hoxe coñece mellor Gales ca Galicia, porque os dez anos que estiveron alí intentaron aproveitalos ao máximo, non só para gañaren diñeiro, senón tamén para coñeceren mundo e gozaren daquela etapa fóra da terra.

Por outro lado, a relación coas familias a distancia era moi fluída, sobre todo por carta. Juan é unha persoa moi unida aos seus, así que preocupouse por reforzar os lazos a pesar dos quilómetros e ter a todos informados de canto lles ía acontecendo no estranxeiro. De feito, a raíz das súas cartas, o seu irmán emigrou tamén a Gales para estar con el. Ademais viñan de vacacións a Galicia cada dous anos e decidiron regresar definitivamente aos dez anos para que as nenas se criasen aquí e non coma galesas.

Así que volveron no ano 75. Aproveitando as vacacións de verán viñéronse todos, a súa muller e as nenas xa quedaron definitivamente, e Juan volveu tan só para vender a casa e deixar todo listo. Mercou unha furgoneta para facer a mudanza e regresou a España conducindo. Esa foi a súa derradeira estadía en Gales. No traballo concedéronlle unha excedencia de tres anos por se quería volver nalgún momento, mais a decisión xa estaba tomada en firme.

Cun grupo de amigos
Coa súa muller