Digna emigrou a Holanda en setembro de 1962. O seu marido, Raúl, marchou uns meses antes, ao pouco tempo de casaren. Esa primeira vez viaxou a Holanda como turista. Dispoñía de tres meses para atopar un traballo e conseguir que lle fixesen un contrato, pola contra non podería quedar alí.

Raúl traballaba nun pobo a doce quilómetros de Rotterdam. A súa empresa dispoñía dalgunhas vivendas para os seus empregados e o matrimonio puido aloxarse alí sen necesidade de pagar aluguer. Eran casas moi antigas, cun pequeno terreo na parte traseira onde tiñan galiñas, coellos e unha horta que eles mesmos coidaban. Separadamente diso, tiñan poucas comodidades: a calefacción era de carbón e non había auga corrente no baño. Ficaron alí doce anos, ata que o concello ordenou derrubar as casas por mor da súa precariedade.

Cando chegaron alí, nin ela nin o seu marido coñecían o idioma, ambos aprenderon holandés a través dun curso gratuíto da radio. Ademais de escoitaren o programa, que se emitía polas noites, tiñan que facer traballos na casa e enviárenos por correo para que o profesorado llos corrixisen.

Ao cabo duns anos tamén emigrarían xunta eles o pai e despois a nai de Digna. O pai, de feito, traballou alí ata a súa xubilación.

Segundo relata Digna, naquela época Holanda non solicitaba mulleres para traballar nas súas fábricas e menos aínda se eran, coma ela, oriúndas da provincia de Lugo. Considerábase que ao proceder dunha provincia agrícola e gandeira non estaban preparadas para desempeñar oficios industriais. Con todo, ela deseguida atopou traballo nunha fábrica de confección.

A maiores da súa xornada laboral de oito horas, facía extras e en ocasións traballaba ata os sábados ou domingos. «Cosía coa máquina todo o que me daba a vista», recorda, «nesa época unha muller española traballaba por cinco holandesas». Aínda que recibía puntualmente o seu salario cada quince días e lle pagaban ben as horas extraordinarias, o certo é que o traballo non só non lle gustaba, senón que ademais resultáballe esgotador.

En busca de mellores condicións, entrou nunha fábrica onde a súa ocupación era empaquetar galletas. Só permaneceu dous meses neste traballo, que resultou ser peor ca o anterior. A continuación logrou colocarse nunha empresa que producía pezas de goma para coches e maquinaria. Había trece mulleres máis traballando alí, onde recibía un soldo moito mellor ca nos seus anteriores empregos. Lamentablemente, ao cabo de cinco anos, rematou o traballo e durante tres meses estivo na condición de Carta Azul polo que continuaba recibindo o seu soldo do Estado. Mentres tanto adoitaba acompañar a súa xefa a ordenar e limpar as instalacións.

A continuación empregouse na fábrica de parafusos onde traballaba seu pai. Nun primeiro momento o seu cometido limitábase a empaquetar o material, mais, ao comprobar que era unha persoa traballadora, a empresa proporcionoulle formación para que levase a cabo outras tarefas.

En 1969 naceu o seu fillo Raúl. Traballou ata o último día de embarazo e por este motivo puido gozar dun permiso de maternidade de seis meses. Cando se incorporou de novo a traballar, volveu cambiar de emprego. Esta vez colocouse na cociña da fábrica onde traballaba o seu marido; alí permitíanlle ter o neno con ela, nunha habitación contigua.

Comezou lavando pratos, despois como pinche e, no intre en que houbo unha vacante como cociñeira, ocupou ese posto. Esa fábrica, do mesmo xeito ca outras moitas, proporcionaba aloxamento e manutención completa aos seus traballadores.

A xornada laboral de Digna comezaba ás 6.45 h para preparar os almorzos e finalizaba logo de recoller a cea. Estivo tres anos sen gozar vacacións nin un só día, ata que tivo unha compañeira e entón podían facer quendas as fins de semana para descansar.

En 1980 volveu cambiar de traballo e aprendeu un novo oficio. Entrou nunha fábrica de bobinados de motores e na escola da fábrica aprendeu a soldar materiais coma prata, cobre ou bronce. Malia tratarse dun traballo completamente novo para ela, chegou recibir un premio por unha idea que achegou e por realizar o traballo en pouco tempo.

O motivo que levou a Digna e Raúl a emigrar foi económico: querían gañar diñeiro para construíren unha casa no seu pobo. Con todo, o tempo foi pasando e tardaron vinte e cinco anos en regresar. Finalmente, decidiron volver cando o seu fillo ía entrar na universidade. Digna sabía que, se continuaban máis tempo en Holanda, o seu fillo querería quedar alí e xa nunca regresaría con eles a España.

Digna na fábrica
Cos seus compañeiros na fábrica
O día da despedida