A principal razón de Dolores para emigrar foi a de seguir os pasos da súa irmá maior, que marchara dous anos antes e á que estaba moi unida. Ademais, quería axudar os seus pais economicamente para que puidesen facer unha casa e mellorar a súa calidade de vida.

Dolores marchou a Suíza en 1971, con 18 anos. Á súa chegada xa comezou a traballar nunha fábrica de galletas en que estivo ata cinco días antes de dar a luz a súa primeira filla. Ademais, compaxinaba este con outros traballos por horas en casas particulares. Despois de nacer a súa filla estivo de baixa por maternidade, e aos catro meses volveu ao traballo cun horario de media xornada. Foi ao nacer a súa filla cando deixou definitivamente a fábrica.

Mais con dúas nenas ao seu cargo Dolores non podía continuar sen traballo, e ao cumprir a pequena un ano comezou a traballar en casas particulares por horas. Foi entón cando se lle ocorreu a idea de buscar unha casa onde puidese traballar todo o día, sen necesidade de andar dun sitio para outro, e o máis importante, onde lle permitisen levar as súas nenas. Dolores encontrou ese traballo, en que estivo ata que regresou para Galicia. Aínda se emociona ao se lembrar dos seus xefes, xente marabillosa que a trataron coma se fose unha filla e ás súas nenas coma se fosen netas.

Dolores garda moi boas lembranzas da súa vida en Suíza, e a súa integración foi absoluta. Aquel país acolleuna moi ben, dándolle moitas axudas para a educación e o benestar das súas fillas, e alí topou con xente boa. A relación cos emigrantes españois era continua, xa que a súa parella era o presidente do Centro Asturiano de Crissier, e posteriormente rexentaron o bufete de dito centro, polo que pasaban moitas horas entre emigrantes.

O retorno a Monforte produciuse cando a súa parella se retirou. Naquel momento en que xa podían vivir sen traballar querían regresar a Galicia, e ao mesmo tempo a súa nai reclamáballe atención e compañía por se encontrar soa. Dolores leva xa en Monforte doce anos, e a día de hoxe di arrepentirse de regresar, xa que as súas fillas aínda viven en Suíza.

Nun parque en Lausanne