Logo de perder o seu pai, Carmen Bargiela colleu rumbo a Venezuela xunto co seu irmán e a súa nai. Vivían nunha aldea de Ourense, os seus posibles económicos eran escasos e aventuráronse sen a axuda de ninguén, sen traballo e sen saberen a quen ou onde dirixirse. Nun baúl levaban as súas poucas pertenzas, entre elas, unha máquina de coser, que Carmen aprendera a usar para facer pantalóns.

21.000 pesetas, os seus aforros, foi o prezo que naquel momento tiveron que pagar para faceren a viaxe nun barco de carga. Pasaron vinte e un horribles días nas bodegas da nave.

Ao chegaren a Venezuela, tiñan a esperanza de que os esperase un veciño a quen avisaran, mais alí non apareceu ninguén. Logo de horas no porto, unha familia que viaxara con eles no barco animounos a acompañalos. Hospedáronse nunha pensión malísima e foi aí cando o mundo lle caeu enriba, pasou a noite chorando.

Ao día seguinte as cousas comezaron a se poñer da súa parte. Seu irmán atopou un traballo como dependente nunha tenda de roupa de home e Carmen viu un anuncio onde se solicitaba persoal para facer pantalóns, xusto o que sabía facer, e tamén foi contratada. Cosía na casa día e noite, coa axuda de súa nai.

Ao pouco tempo conseguiron cambiar de pensión e máis tarde, no ano 1958, alugaron un piso. As súas vidas estaban encamiñadas, o seu irmán fíxose co negocio onde estaba empregado e Carmen seguía a facer pantalóns, aínda que a fábrica para a que traballaba acabou crebando e quedou na rúa.

Nese tempo coñeceu un chileno moi guapo, Pedro, que estaba vivindo en Caracas e que volvera a Chile para montar unha panadería cos seus irmáns, grazas ao que aforrara naqueles anos en Venezuela. Ao retornar, Pedro pediulle permiso ao irmán de Carmen para seren parella. En 1960 casaron, un 24 de setembro, por poderes, xa que Pedro non tiña diñeiro para se vir. Xa en Chile os dous, traballaron na panadería arreo, de catro da mañá a dez da noite, todos os días do ano.

Tiveron dúas fillas, o seu grande orgullo. Co diñeiro que aforraron mercaron unha casa en España e pagaron os estudos ás súas fillas. Unha delas está cualificada coma unha das 10 mellores profesoras de Bioloxía en EE.UU, onde vive; a outra reside en Ourense, onde tamén eles acabaron por establecer as súas vidas.