A nai de Jaime quedou viúva cando el tiña 4 anos, polo que a familia viviu en situación económica moi precaria. Por iso, Jaime emigrou a Venezuela con 17 anos. Fixo a viaxe soa, en barco. Unha curmá esperábao á súa chegada.

Ao principio viviu nunha pensión; ao pouco tempo, decidiuse a compartir piso cuns compañeiros. Enseguida comeuzou a traballar. En Venezuela aprendeu o oficio de fotógrafo, a través de cursos e do que lle ensinaron outros profesionais, e niso consistiu o seu labor mentres estivo alí, atendendo encargos de vodas e outras celebracións. Recorda aquela coma unha época de bonanza para o país e persoalmente coma un bo momento.

Regresou a España en 1971, en avión, cun permiso de volta dun ano. Quedou en Ourense. Coñecía a Carmen de toda a vida, pois eran do mesmo pobo. Casaron e, como non había traballo aquí, antes de emprender regreso a Venezuela, probaron a emigrar a Suíza, onde Carmen tiña un irmán. Carmen conseguiu un contrato de traballo en hostalería, antes de partir; non así el.

Os primeiros días en Suíza viviron cos seus cuñados. Gustoulles o país, a xente, o traballo, e decidiron quedar alí, en lugar de establecerse en Venezuela. Jaime empezou a traballar cun autónomo realizando traballos de fontanería e calefacción. Ambos asociáronse e a empresa foi medrando.

Durante este período, Jaime formou parte de varias asociacións, en que foi moi activo. Nas Escolas do Goberno Español, que impartían clases de español, crearon unha asociación de pais, participando inicialmente como socio e posteriormente como presidente. Como presidente a súa misión era xestionar os recursos que o Goberno español enviaba, solicitar máis recursos... Tamén foi secretario da Misión Católica de Lingua Española do Cantón (Nyon). Viaxaban coas asociacións, coñecendo así distintos países de Europa.

Carmen e Jaime teñen dous fillos, que viven en Suíza. Consideran que pasaron unha boa vida na emigración. No ano 2007, Jaime xubilouse e o matrimonio decidiu vir vivir a Ourense, cidade na que tiñan comprado un piso.

Cos seus compañeiros de traballo