Dolores Nodar Rodríguez naceu en Torible (Lugo) o 4 de febreiro de 1938. En 1956 marchou para Venezuela e regresou a España en 2018.
Seu pai era garda civil e viviron en distintos destinos, Guntín, Castellón e Chantada. Eran 8 irmáns e todo era unha pobreza, non había nada de traballo.
Cando Dolores chegou a Chantada, tiña 16 anos. Alí coñeceu un rapaz da localidade, Tomás, que era ebanista, pero a pobreza da zona fíxoo decidirse a marchar a Venezuela, a Caracas, sen traballo e sen coñecer ninguén alí.
Ao chegar, un matrimonio español acolleuno (había moita axuda entre os españois) e buscoulle unha pensión. Tomás atopou rapidamente traballo nunha carpintería. Lola, xa con 17 anos, díxolle ao seu mozo que debían tomar unha decisión, ou casaban ou remataba a relación. Pasado un ano, casaron por poderes, xa que Tomás non tiña cartos para vir a España. En 1956 ela foise para Caracas cunha irmá del, seu pai pagoulle a pasaxe e viaxaron 12 días no barco Venezuela.
Cando chegaron, estaba seu marido agardándoas e nunha semana ela atopou traballo nunha fábrica de roupa interior, mais decontado cambiou de traballo a unha fábrica de xampús na que gañaba máis. De Caracas decidiron trasladarse a Barquisimeto; seu marido conseguiu un bo traballo na Mercedes e ela dedicouse a coidar os seus catro fillos. Despois fóronse a Acarigua-Araure e puxeron un negocio de máquinas de coser onde traballaron 40 ano. Viviron moi ben e viaxaron por toda Venezuela.
Aos 52 anos quedou viúva e seguiu coa empresa. Un ano antes entrara como voluntaria do grupo de Voluntariado do hospital. Empezaban a escasear medicinas e persoal, e os voluntarios axudaban aos enfermos, facían colectas… e isto axudouna a superar o seu dó. Aos 80 anos volveu a Ourense porque necesita una medicación que en Venezuela non podía conseguir. Integrouse no grupo de voluntariado do Espazo +60 de Ourense, no obradoiro de reciclaxe e no programa de Fálame da emigración.
Foi moi feliz en Venezuela e non tiña intención de volver ao seu país, mais as circunstancias obrigárona a tomar esta decisión.

Coa súa familia
Co seu grupo de amigas
Cos voluntarios do hospital