Os problemas económicos na súa casa levaron a Ana a emigrar con vinte anos a Alemaña, onde xa residían dous irmáns seus.
Unha vez pasados os exames médicos e lle chegou o contrato, Ana marchou para traballar nunha fábrica de ganchos. O seu segundo emprego foi en Sony, onde facía traballos de soldadura en cadea para os televisores.
A vida no país ao principio foi moi dura, non sabía o idioma e só se relacionaba con galegos e italianos. Alí coñeceu un ourensán con quen casou, e alí naceron tamén as súas fillas, onde aínda residen. No ano 2012 tivo lugar o retorno definitivo do matrimonio a Ourense, onde puideron mercar un piso. Na actualidade, pasan aquí seis meses e seis meses en Alemaña coas súas fillas.