Magdalena emigrou a Venezuela cos seus pais cando tan só contaba con un aniño, en 1951. Eran xente campesiña en Cataluña. Víronse motivados a marcharen ao estourar a Guerra de Corea, porque o seu pai xa vivira dúas guerras, a segunda mundial e mais a española, e tiña medo de se ver involucrado outra volta nunha terceira.

Venezuela, o país de destino, estaba naquel intre gobernada polo ditador Pérez Jiménez, quen tiña unha política de creación de emprego na construción para emigrantes, o que propiciou que entrasen no país.

Unha vez alí, vivindo nunha pensión, montaron un posto no mercado. Vendían aliños. Magdalena pasaba alí as horas con eles, era o xeito de se gañaren a vida. Foron tempos duros.

A caída do ditador non trouxo boas novas para a emigración, analiza Magdalena, comezaron a xurdir guerrillas contra os emigrantes e eles, mesmo tiveron que permanecer agochados unha tempada, sendo unha veciña quen lles levaba alimentos. Finalmente conseguiron escapar a Chacao, unha zona máis tranquila, e alí montaron o seu negocio, unha tenda.

Magdalena deseguido deixou os seus estudos para se pór a traballar, mais ao quedar embarazada, botárona. Anos máis tarde, divorciada, volveu atopar traballo, mais a situación familiar comezou a complicarse ao morrer seu pai e a súa nai enfermar. Non había moitos recursos no país para curala, así que tiveron que optar por regresar a España. A situación económica e política en Venezuela estaba mal, a súa filla fora secuestrada e atracada en varias ocasións. Ourense acolleunas ás tres: a avoa, nai e filla, onde aínda conservaban familia.

A volta resultou dura, novo país, nova cidade, novos costumes, novo clima e outras circunstancias que se foron dando, coma que a súa filla aínda non puido encontrar traballo ou que ela non ten dereito a pensión fóra de Venezuela segundo as políticas actuais do país suramericano. O importante é que aquí si contan con recursos médicos para a súa nai.