José Ares Tizón naceu no concello de Aranga, na comarca de Betanzos, o 21 de setembro do 1937 no seo dunha familia de dez irmáns. Seus pais, Francisco Ares Rodríguez e María Tizón Roca, que tamén eran naturais do concello de Aranga, eran labregos, e o pai, tamén zoqueiro de profesión. José recorda a súa infancia dividida entre o traballo na casa e a súa asistencia á escola cando o traballo llo permitía, onde aprendeu as «tres regras». Acabaría de completar a súa aprendizaxe xa en Caracas, onde acudía á escola dunha señora, de noite, para aprender correctamente o manexo dos números e da escritura. Recorda con agarimo a súa infancia en Galicia, como axudaba o seu avó materno no coidado dos animais, mais tamén lembra servir aos amos co traballo no campo e acudir a Castela para traballar na sega. José asegura que eran anos de moita necesidade, mais que na súa casa non se pasaba fame. Porén, sinala que o «lugar» que traballaban seus pais era pequeno e non daba saída para os dez irmáns.

Precisamente foi esa situación de necesidade que levou a José emigrar no 1956 con tan só 18 anos. Elixira Venezuela para emprender unha nova experiencia porque dous dos seus irmáns xa marcharan a este país no 1954. De feito, sería o seu irmán maior, residente en Venezuela, o encargado de pagarlle a pasaxe do barco. É así como José embarca na Coruña no Castel Verde cunha pequena maleta de cartón e 1.000 pesetas emprestadas, e dez días despois chega ao porto de La Guaira (Caracas).
Despois de desembarcar en Caracas asentouse co seu irmán e comezou a realizar pequenas tarefas na tapicería en que este traballaba. Como a José lle gustou a profesión decidiu aprendela e sete anos despois montaría o seu propio negocio en Caracas, asociándose de primeiras cun madrileño, e despois cun alemán durante catorce anos e ata o seu retorno a Galicia.

En Caracas José tamén construiría a súa vida familiar xunto a outra emigrante galega, natural da Estrada, e que coñecera no centro galego A Casa de Galicia. Do seu matrimonio nacerían dous fillos. José pasaba os seus anos en Venezuela gozando do tempo libre, acudindo aos centros galegos e á praia, e comunicándose coa súa familia de Galicia, primeiro por carta e despois xa por teléfono.
José non tiña en mente a idea de retornar a Galicia, pero decidiu tomar esa decisión no 1989 polo empeoramento da situación económica de Venezuela. Tras volver aséntase en Santiago de Compostela e conclúe a súa vida laboral traballando na tapicería David (preto de Conxo).

Para José a emigración ten aspectos negativos, xa que a asocia coa necesidade dun país, mais tamén positivos, pois para el a emigración axudou a levantar Galicia e á construción do novo Santiago.