José, orixinario dunha familia labrega de Noia con moitos irmáns, emigrou porque «non había traballo nin outra forma de vida». Na súa casa natal residía xa o irmán máis vello. Despois de recibir a chamada dun curmán que tiña en Rio de Janeiro, decidiuse e marchou con vinte e cinco anos. Embarcou nunha navieira italiana no Castle Bianco onde pasou quince días, o tempo que levou a viaxe.

Ao chegar ao Brasil traballou como ebanista, en condicións moi difíciles e con moito sacrificio. Erguíase ás cinco da mañá, tardaba dúas horas en chegar ao traballo collendo varios transportes, entre eles un tren en que moitos pasaxeiros ían enganchados das portas por fóra, e logo aínda debía coller un bus para chegar a Copacabana. Co tempo fixo a súa propia casa e puxo unha carpintería no baixo, comezando a traballar por conta propia.

A súa mocidade viviuna en Rio de Janeiro, onde casou e tivo fillos. A Casa de Galicia era un punto de referencia moi importante para todos os emigrantes galegos en Rio, onde había moita actividade cultural e recreativa e sobre todo unha gran convivencia e solidariedade entre os galegos.

José lembra que a vida no Brasil era moi diferente á de Galicia. A cidade era moi insegura, ao pouco tempo de chegar, unha noite á volta dunha festa presenciou como dous mozos lle pegaban un tiro a un home que camiñaba diante del, sen motivo aparente.

Como moitos outros emigrantes a América, José non regresou a Galicia durante vinte e un anos. Durante ese longo período botou moito en falta Galicia e a súa familia, mais os medios de transporte na época favorecían pouco o retorno e, por outra parte, ao refacer a vida en Rio, os anos ían pasando sen se decatar.

En 1974 a súa muller e os seus fillos de doce anos viñeron de viaxe, e insistíronlle moito a José por retornar. Desde que volveu en 1976 con corenta e tres anos e despois de tan longa ausencia, aínda traballou dezasete anos como carpinteiro en Galicia. Lembra a chegada como un momento moi emotivo no que se «sentiu no aire». Está moi satisfeito de ter regresado e ver aínda aos seus pais con vida, mais a adaptación tamén lle resultou difícil e aínda hoxe bota de menos algunha xente de alá. «Volves e es coma un estraño». Malia todo, a súa valoración da emigración é que se fai por necesidade.

Foto 1
Foto 2
Foto 3
Foto 4
Foto 5
No Brasil