Manuela emigrou ao Brasil en 1956 pola súa vocación relixiosa cando contaba con vinte anos. Durante os cincuenta e dous anos que estivo no país, Manuela viviu en diferentes lugares e realizou varios proxectos de carácter social.

O seu primeiro destino foi Rio de Janeiro, un lugar ao que lle custou adaptarse nun principio polo seu clima caloroso. Alí traballaba nun centro con sesenta e catro internas, mulleres que exercían a prostitución, ás que apoiaban e axudaban para que non fosen engadas nin explotadas, proporcionándolles orientación e formación nunha escola con quendas de mañá. Outra parte do seu traballo consistía en recadar fondos para financiar este proxecto de atención social entre as familias das zonas máis ricas de Rio de Janeiro, Copacabana ou Ipanema.

Despois foi a Curitiba, capital do Paraná, cidade madeireira onde estivo trinta e nove anos traballando nun centro de atención a adolescentes con problemas de conduta procedentes de familias desfavorecidas. Alí ofrecían un comedor para os nenos e nenas e atención integral ás familias, reforzo escolar, distribución de alimentos e incluso un pequeno ambulatorio médico onde ofrecían atención sanitaria a todas as persoas que o precisaban. Durante este período Manuela viviu nunha favela, xunto con persoas que vivían en casas sen electricidade, auga corrente, duchas, nin baño. Tamén prestaban axuda para a reconstrución das vivendas, xa que moitas casas caían.

A súa última etapa no Brasil pasouna en Belo Horizonte, no estado de Minas Gerais, onde, a pesar da enorme riqueza natural, hai unha gran desigualdade na distribución dos recursos e moitas persoas en situación de pobreza.

O seu retorno a Compostela produciuse no 2008, e aquí sigue involucrada na acción social das Irmás Oblatas, que en colaboración con Cáritas Diocesana ofrecen apoio a mulleres que exercen a prostitución e ás súas familias, e a mulleres que son vítimas da trata con fins de explotación sexual.

Manuela valora a súa experiencia no Brasil como moi positiva, un país onde se sentiu sempre moi ben acollida e onde recibiu moitas facilidades para a vivenda.

 

Foto 1
Foto 2