María Currais Tuñas naceu en Zas (Negreira) o 18 de xullo de 1943. Tiña catro irmáns por parte de seu pai, Manuel Currais, labrador de profesión, súa nai, Marcelina Tuñas Porto era costureira. María pasou a súa nenez nesta parroquia de Negreira acudindo á escola en que cursou ata a primaria.

Aínda que na súa familia xa había precedentes na emigración, xa que seu pai emigrara a Cuba, en María esperta o desexo de emigrar cando namora dun emigrado. Tras casar con el e obter o permiso de súa nai, decide facer as maletas e marchar a Venezuela xunto ao seu marido no 1964. É así como embarca na Coruña no “Begoña“ rumbo a Venezuela, chegando ao porto de La Guaira 14 días despois, concretamente o 17 de decembro.

Despois da súa chegada, María estivo xunto ao seu marido varios días en Maracay e San Cristóbal ata que se asentaron no Estado Aragua. Pouco a pouco foise adaptando á vida en Venezuela, ao mesmo tempo que inicia a súa traxectoria profesional axudando na fábrica de zapatos do seu marido. Dous anos despois, e tras nacer a súa primeira filla, a familia múdase a Caracas e compra unha hospedaxe, en que María traballaba ao mesmo tempo que coidaba os fillos, mentres o seu marido tiña un estacionamento de coches. Tras retornar e pasar seis meses en Galicia, María e a súa familia volven a Caracas onde mercan outra pensión, en que María traballará durante case 30 anos ata que regresa a Galicia.

En Venezuela María mantiña contacto frecuente coa súa familia a través de cartas, ademais viaxaba practicamente cada catro anos a Galicia. Mantiña tamén o vínculo coas tradicións da súa terra, acudindo case todas as fins de semana á Hermandad Gallega, onde gozaba do seu tempo libre celebrando festividades de Galicia, mais tamén bailando e comendo comidas galegas tan típicas coma o polbo ou o caldo.

María sempre tivo en mente a idea de retornar, mais co paso do tempo foi atrasando o seu retorno: «Cando os rapaces terminaran a primaria, despois a secundaria, despois o bacharelato». Finalmente propiciaría o seu retorno no 1993 o empeoramento da situación en Venezuela, aínda que o que realmente motivou a volta de María foi a decisión dos seus dous fillos de establecerse en Galicia no 1991. Nesta situación e ante a opinión do seu marido, desexoso de volver, María colle de novo a maleta para emprender a súa aventura unha vez máis en Galicia. Tras pasar unhas semanas en Negreira, o matrimonio decide establecerse definitivamente en Santiago. Nestes momentos María contaba con tan só 50 anos e aínda que decidira non traballar, si estará durante catro ou cinco anos ao cargo da venda directa de produtos de estanco. A adaptación de novo á vida aquí foi moi dificultosa para ela, pois nas súas propias palabras: «Aquelas amigas que son amigas túas despois de trinta anos falan un idioma totalmente diferente ao teu, ao estar tanto tempo fóra as cousas que aquí son importantes ou que eran importantes para a xente de aquí para min xa non eran tan importantes, e as que eran importantes para min os demais non as entendían”. Porén conseguiría saír da situación de depresión en que se encontraba coa axuda dos seus fillos, por iso o seu fillo a animaba dicíndolle: «Mamá te has pasado treinta años de tu vida en Venezuela pensando en Galicia, ¿te vas a pasar el resto de tu vida en España pensando en Venezuela? Céntrate y acuérdate que es una decisión que tomaste, tienes que adaptarte».

Malia todo isto, María ten unha visión positiva da emigración, pois asegura que nos seus anos emigrados foi moi feliz, e os retornados contribuíron á mellora da situación da Galicia daquelas épocas. Precisamente polas lembranzas que a emigración deixou na súa mente, considera que a emigración actual debe recibir a mesma acollida e o mesmo tratamento que o que se lle ofreceu a eles no momento en que decidiron emigrar.