Teresa naceu en Brión. Moita da súa familia tivo que coller o camiño da emigración en busca de traballo, así, tres dos seus irmáns marcharon para Venezuela e unha cuarta foi para Londres, cidade á que tamén ela se foi no 1963, precisamente, chamada pola irmá que xa levaba tempo na capital británica. A decisión de marchar foi moi complicada pois ela e o seu marido tiñan que deixar os seus dous fillos coa sogra, de un e seis anos de idade. De feito, conta que a viaxe en tren desde A Coruña a Hendaia foi un non parar de chorar.

Fóronse coas catro cousas que tiñan, a roupa que levaban dos dous ía bailando dentro dunha maleta. Dous postos de traballo xa estaban a agardar por eles en Londres, el como camareiro e ela no servizo de limpeza dun hotel. Nel aloxábanse sobre todo profesorado, avogacía e profesionais da medicina, que vivían alí todo o ano.

Despois de traballaren arreo e aforraren moito, conseguiron volver a Galicia dous anos despois, contando os minutos para poderen ver de novo os seus pequerrechos. Eses intres de felicidade duraron pouco, posto que había que volver marchar. Ao seu regreso, Teresa seguiu empregada no mesmo tipo de traballo, mais trasladouse a outro hotel en Piccadilly Circus por un aumento no salario, chamábase A cabina do capitán, un lugar que frecuentaba a xente popular da televisión.

En xeral en Inglaterra Teresa atopouse cómoda e moi querida. Non falaba un inglés fluído para se relacionar, mais grazas ás compañeiras de traballo e mais aos hóspedes foi mellorando e conseguía comunicarse. Nesa etapa intentaba compaxinar o traballo de limpeza no hotel e mais nun hospital. A pesares de tanta dedicación volveu para Galicia cunha pensión pequena, pois había tempo laboral que non se cotizaba. A súa ilusión non era outra ca aforrar uns cartiños para volver a Galicia cos seus fillos.

En 1970 decidiron retornar a pesares de que a súa irmá lles dicía que quedasen. Teresa conta que a súa irmá a día de hoxe é coma se fose un pouco de alí pois, aínda que tamén volveu, segue a pasar longas tempadas na illa onde ten moitas amizades.

Teresa e o seu marido ao viren instálanse en Compostela, cidade en que notou diferenzas no trato. Londres era moderna, a educación e o respecto estaban sempre presentes, mentres que a Compostela dos 70 era distinta. Sentíase mellor acollida na súa aldea, onde ía a miúdo no seu Seat 850 –que mercara por 106.000 pesetas– para estar coa súa sogra, que non quixera vir para Santiago. Hoxe mudou a súa opinión e di que a aldea, mellor para o verán.