Despois de obter o certificado de boa conduta, obrigatorio por ser menor de 18 anos, e o visto bo do párroco da Baña, Rosalino marcha cara a Venezuela «reclamado» polos seus dous irmáns maiores, de 20 e 22 anos. «Disque nese momento a xente europea era mellor acollida cá americana por ter fama de máis responsable».

De entrada instálase nunha habitación dun apartamento, que lle custaba 80 bolívares, e comeza a traballar de axudante de cociña en Puerto La Cruz. Un ano despois marcha para Caracas traballar nunha pensión francesa, facendo quendas por horas, o que lle deixaba tempo para estudar polas tardes. Logo dun tempo vaise traballar a un restaurante da capital como camareiro, onde tiña dous compañeiros galegos dos dez que compoñían o servizo.

Procuraba ter un lecer activo, así formaba parte das asociacións de emigrantes de Caracas: Lar Galego, Centro Gallego de Caracas e Centro de Amigos de Santiago. Era unha maneira agradable de manter vivo o vínculo con Galicia e coa súa xente.

A seguinte aventura profesional e de maior éxito levaríao a Valle de la Pascua, a 320 km de Caracas, onde xunto cos seus curmáns consegue montar un hotel de 80 habitacións. Grazas ao auxe da industria petroleira naquel momento chegan ter 30 empregados, moitos deles galegos. En dez anos viu medrar a cidade ata case os 150.000 habitantes que ten hoxe. Valle de la Pascua é actualmente o núcleo económico máis importante no oriente do estado Guárico, beneficiado como centro de servizos comerciais e administrativos con varias agroindustrias relacionadas co algodón e a alimentación.

Nunha das súas viaxes a Galicia atópase coa que fora compañeira súa na escola da Baña –aínda que alí pouco se viran pois nas clases non estaban xuntos, ademais de que as mulleres ían menos á escola–. Despois dun tempo casan e marchan xuntos para Venezuela, onde teñen tres fillos. Un deles é hoxe en día o responsable do hotel, pero aqueles tempos dourados alá van e agora é un hotel humilde con tan só cinco empregados, dedicándose sobre todo ao aluguer de salas para eventos.

Rosalino e a súa familia sentíronse moi ben acollidos, aínda que nun principio había certo rexeitamento das persoas estranxeiras. Conta que os costumes eran diferentes. As xentes de alí dedicábanse maioritariamente á agricultura e á gandería, que as compañías –moitas delas americanas– favorecían, facilitando créditos, sementes fertilizantes, maquinaria adaptada ás temperaturas da rexión…

Chegado o momento, Rosalino foi mandando parte dos seus aforros para España e inverteu en Compostela. Xa leva anos xubilado e desde hai doce que non volveu a Venezuela. O seu regreso foi moi feliz e séntese moi ben acollido de novo na súa terra. Agarda que o seu fillo, a súa nora e a súa neta volvan axiña e de forma definitiva porque di que as cousas alá cambiaron moito desde aquela, aumentou a inseguridade e a economía fraqueou.