Nilo é de Lalín. Ao rematar o servizo militar, animado pola súa irmá e daquela a súa moza María, hoxe a súa muller, decide marchar a Bilbao en busca de traballo. Comezara empregado nun almacén e ao cabo de dous meses cambiara para a construción, onde pasara cobrar 1.200 pesetas á semana. Ao pouco tempo formou un equipo de traballo con outros catro compañeiros para faceren obras arreo coa empresa Sabino Echeverría Euva. En oito anos levantaran corenta e oito edificios no Polígono Blanco de Fadura, en Algorta.

Alén do profesional, a súa vida persoal en Bilbao era moi agradable, tiñan moitas amizades. A xente vasca é moi acolledora, cóntanos, sobre todo para aquelas persoas cumpridoras co traballo. Naqueles tempos acollían xente de toda España, era unha zona industrial e, xa que logo, había moita inmigración española, de Galicia, Estremadura, Castela…

As fins de semana xuntábanse cinco ou seis familias e ían comer a lugares de lecer onde había grellas enormes para asar –a boa fama da gastronomía vasca facíase evidente–. Nilo comenta que notou unha gran diferenza no uso do público en Euskadi respecto a aquí. Alá toda a xente tiña moita conciencia no coidado da contorna.

Tamén notaba unha conciencia solidaria na defensa do traballo. Nunha ocasión, alá polo 1975, estivera todo o sector da construción corenta e dous días de folga reivindicando un aumento de salario e, pese á dura represión policial do momento –chegaran desaloxalos dunha igrexa onde se refuxiaban, rompendo os cristais con botes de fume–, mantivéronse firmes ata que conseguiron o aumento que pedían e cobrar os días todos que durara a folga.

No verán de 1981, influído pola familia que estaba en Galicia e ante o ambiente de inseguridade na rúas por cousa do terrorismo, decidiron volver, establecéndose en Santiago de Compostela ata o día de hoxe. En Bilbao deixaron moitas amizades e unha vida desafogada economicamente que non atoparían en Galicia. Nilo seguiu a traballar na construción con menor salario ao primeiro, mais nove anos antes de se xubilar pasou a ser recoñecido e asumiu a responsabilidade de encargado de obras, o que se traduciu nunha suba vantaxosa.