No 1965, ao pouco de casar e por necesidades económicas, Celestino marcha traballar a Romanshorn (Suíza) a unha fundición de ferro logo de que o seu cuñado, que xa estaba alí, lle conseguira un contrato.

Ao primeiro o traballo era moi duro, pois tiña que recoller o ferro no medio da neve para levar á fundición. Despois de falar co capataz e amosarlle como tiña as mans pasárono a unha máquina dentro da fundición, tarefa coa que xa cobraba 3 francos a hora. Logo dun ano volveu a Galicia e con aqueles cartos aforrados puido construír un cuberto na casa dos sogros para gardar a ferramenta e o carro.

No 1967 e, vendo que aquí non había traballo, volveu de novo e conseguiu un contrato para traballar nunha peixería na mesma cidade onde estivera antes, Romanshorn. Nunca traballara co peixe, mais non lle metía medo. Nun principio eran sete traballadores –catro italianos, un portugués e dous galegos– que cortaban e limpaban o peixe. Ao pouco tempo fixérono responsable do transporte da mercadoría.

Xa polo 1972 veuse canda el a súa dona a traballar nunha fábrica de calzado, deixando as súas fillas ao coidado dos avós, mais tan só puido estar durante cinco anos ao enfermar a súa nai, isto obrigouna a volver.

Celestino, pola súa banda, xa cun traballo ben remunerado e sendo moi recoñecido polo seu esforzo, seguiu a traballar coa mesma ilusión do primeiro día. Erguíase todos os días ás seis da mañá, traballaba ata na fin de semana se era preciso, repartindo peixe ou preparando os camións para a semana. Tiña moitos clientes españois, os centros galegos eran uns deles e leváballe todo tipo de peixes e mariscos cada fin de semana, que era cando se servían neles máis de trescentas comidas. Outros clientes, coma os alemáns, conta Celestino que devecían polos bocareus.

Estivo moi a gusto durante os anos que durou a experiencia da emigración. O xefe tiña toda a confianza depositada nel, mesmo lle confiaba a chave da caixa forte da peixería; e no día a día pasábanlle moitas anécdotas que facían o traballo máis levadío. Nunha ocasión viñeran mercar 20.000 quilos de peixe a Muxía e os vendedores engadíranlle un 30 % de auga para incrementar o peso.

Alén do traballo, tiña unha vida social activa, relacionábase ben cos suízos, mais tamén con moita xente galega, da Baña, de Páramos, Ponteceso, Viveiro, da Serra de Outes… Ao primeiro custáralle defenderse cun novo idioma, pero ao pouco xa se entendía co alemán e co italiano. Volvía cada ano a Compostela, quince días polo Nadal e outros quince no mes de agosto para estar coa familia.

Regresa xa de forma definitiva a Galicia no ano 2002, mais sentíase raro, decatouse de que os costumes eran moi diferentes alí. Hoxe segue a ser un home moi traballador, non deixa de ir á aldea todos os martes, mais resúltalle triste que por alí xa case non queda ninguén.