No 1971 Elena marcha a traballar a Caracas. O seu marido, Manuel, xa marchara había 17 anos. Aquí quedaban, coa súa avoa, as dúas fillas de 14 e 16 anos.
Lembra a súa viaxe en avión que durou 12 horas. “Levaba unha maleta e o posto”. Antes de aterrar, albiscaba desde o portelo aqueles inmensos “ranchos” inimaxinables desde Galicia. Recorda tamén aquela cidade inmensa chea de grandes estradas e repleta de coches e cun clima tropical moi diferente ao que deixara en Compostela naquel mes de decembro.
Pronto comezaría a traballar naquelas xornadas que empezaban ás 7 da mañá, de luns a sábado. Primeiro como asistenta, pasando o ferro, limpando… Logo terían un pequeno quiosco e seguiría limpando naqueles grandes edificios de VIASA (Empresa internacional de aviación de Venezuela). Despois, ela e o seu marido pasarían a levar a conserxería dun edificio na zona principal de Caracas, “utilizánbanse grandes aspiradoras e abrillantadora para o mantemento daqueles edificios de tanto luxo”. Relata tamén como, cunha pequena máquina de flocos de millo, fixera moitos cartos cos estudantes da universidade. Eran bos tempos para os galegos que ían a Venezuela con ganas de traballar, cando o bolívar tiña preto do valor do dólar ao cambio (1 bolívar=150 pts.).
Alí sentíase moi querida e respectada, aínda que había aqueles poucos que lles chamaban “Muxus” despectivamente, dicindo que lles quitaban o traballo. Sempre con moito ánimo para traballar, como a maioría dos galegos e galegas, comenta como naqueles tempos saíra unha norma pola que as empresas debían contar cun 90% dos seus traballadores venezolanos, polo que moitos optaron por obter a nacionaliade. Tamén había momentos para o ocio: lembra cun gran sorriso, as xuntanzas nos Junquitos -onde os galegos se reunían as fins de semana-, os bailes na Irmandade Galega ou aquelas praias da Guaira. Cando ela chegou á zona de S. Antonio, era zona sen cultivar onde moitos foron establecendo as súas vivendas e despois, traballando a terra, chegaron a ter importantes plantacións (aquela terra, coa axuda da climatoloxía, era especialmente fértil e aos galegos o traballo no campo nos lles era alleo). Os caraqueños eran moi acolledores e axudaban moito aos galegos. Chamáballe moito a atención como os portugueses se axudaban moito entre eles, formaban piña, chegando a ter a maioría de panaderías e pastelerías da cidade.
Elena comenta tamén como as mulleres vivían dunha forma completamente diferente ao que pasaba en Galicia, onde o “machismo era lei”. As venezolanas vestían diferente, dun xeito moito máis “liberal”. “Alí seus pais querían que estudaran; en España só serviamos para traballar na casa. Eran moi poucas as que tiñan acceso a estudos superiores, e nas escolas xa se nos preparaba para iso”
No 1974 volve por primeira vez á súa terra e, na viaxe de volta a Caracas, acompáñaa a súa filla menor, xa graduada en enfermaría que aínda non coñecía o seu pai. Tomaría a decisión de volver definitivamente para Santiago no 1979, e o seu home volvería un ano despois.
En Caracas quedaron moitos amigos, pero a familia e a morriña da terra trouxérona de volta. Ao chegar, atopou unha Galicia moi cambiada, “onde había corredoiras, agora había estradas…”
Séntese moi agradecida polo que aquel país lle deu, e agora tamén ten tristura por ver a situación actual de Venezuela.