En 1949, Ezequiel embarcou en Vigo no Tucumán, un barco de mercadorías convertido en barco de pasaxeiros. Desde Pontedeume, xunto coa súa nai e dous irmáns, partía rumbo á Arxentina para se reunir co seu pai, que residía alí desde 1947. Ao chegar a Bos Aires, a familia foi vivir á casa dun matrimonio español, e por mediación destes cedéronlle unha casa cunha pequena horta para autoconsumo. A cidade, tan grande e tan chea de coches, encantoulle. Aquilo en Pontedeume era impensable nesa época.

Con tan só 11 anos, comezou a traballar como repartidor de leite, á vez que ía á escola. As súas experiencias no colexio foron moi boas: integrouse facilmente, e axiña estableceu amizade cos pibes, adaptándose aos seus xogos e novos costumes. No colexio, como resultado das políticas do partido peronista sendo presidente Domingo Perón, facilitábanlle mandilóns e un almorzo de balde, Toddy, unha especie de cacao soluble. Ademais, había asistencia sanitaria gratuíta, e en datas coma Nadal ou Reis repartían doces e xoguetes para os nenos. A situación da Arxentina nesta época supuxo un contraste moi forte, tendo en conta que eles emigraban fuxindo da precaria situación económica e da escaseza da España da posguerra.

Cando os seus pais encontraron traballo como porteiros no centro da cidade foron vivir a outro lugar, quedando el, ata finalizar o curso, co señor con quen traballaba, e visitando aos seus pais na fin de semana. Posteriormente, empregouse como dependente nun establecemento dedicado á venda de material de oficina e nunha xastrería chamada Confecciones Golf.

Aínda que Bos Aires se vivía moi ben, Ezequiel di que na mente do emigrante sempre está mellorar a súa situación económica para volver á súa casa. Foi por iso polo que a familia decidiu marchar para Santo Domingo (República Dominicana), pois a baixa cotización da moeda na Arxentina non lles permitía aforrar. A viaxe, nun barco de luxo de propaganda peronista que ía a Nova York, durou trece días. Era unha motonave con piscina, cinema, salón de baile e comida de luxo. Primeiro desembarcaron en La Guaira (Venezuela), e despois viaxaron en avión ata o novo destino.

En Santo Domingo esperábanos os irmáns e tíos da súa nai, con quen foron vivir nun primeiro momento. A adaptación ao clima tropical, con moita humidade e altas temperaturas, foi complicada, e a vida alí era moi distinta. O seu pai empregouse na embaixada arxentina, a súa nai dedicábase ás tarefas do fogar, o seu imán traballaba como contable nunha cristalería, e el iniciouse como dependente no supermercado Casa Velázquez, de propietarios españois.

Ezequiel pasou a súa xuventude na cidade dominicana, reuníndose e acudindo ás actividades culturais na Casa de España. Posteriormente montou o seu propio negocio, Colmados Lito, coñeceu a súa futura esposa e casou en 1960. En 1961, o matrimonio viaxou a Galicia, quedando o seu pai a cargo do negocio, mais, ao chegar, denunciárono e tivo que cumprir o servizo militar. Aquí naceron os seus dous primeiros fillos, e en 1964, el, a súa esposa, embarazada por terceira vez, e os seus dous fillos, regresaron de novo a Santo Domingo. En outubro dese ano naceu, xa na illa, o terceiro fillo do matrimonio.

En 1965 tivo lugar na capital dominicana a Revolta de Abril, quedando a cidade cercada pola OEA (Organización de Estados Americanos) que aplicaron un bloqueo económico. Ao non ter actividade comercial, Ezequiel cerrou o supermercado e montou ás aforas unha barrita (café-bar) para soster a familia. Mentres, a súa muller, os seus tres fillos e os seus pais viaxaron uns meses a Galicia. Unha vez que a situación se normalizou, a súa esposa regresou de novo a Santo Domingo co seu primeiro e terceiro fillo, deixando aquí o segundo, enfermo de poliomielite, ao coidado dos avós. Un ano despois, en 1966, os seus pais e o seu segundo fillo regresaron tamén á cidade dominicana.

Ezequiel volveu montar outro supermercado en 1968, e en 1971 naceu o seu cuarto fillo na illa. En 1972, a familia regresou definitivamente a Galicia debido, por un lado, á morriña por volver á súa terra, e por outro, á enfermidade que padecía o seu fillo, pois aquí había daquela mellores medios para o atender.

A valoración de Ezequiel sobre a emigración é moi positiva, xa que marchou con toda a familia sendo neno, e alí casou e fixo a súa vida. Se tivese que volver, non o pensaría, pois incluso conserva daquela época grandes amizades que visita cando pode.