A emigración de Rosa, con 30 anos, foi tardía comparada coa de outros dos seus coetáneos que colleron os camiños de Europa, xa que o habitual era marchar a idades moito máis temperás. Daquela, Rosa tiña varias amigas traballando en Suíza, e nunha ocasión en que unha delas veu de visita a Pontedeume, tróuxolle un contrato de traballo para un hotel en Berna. Así foi como decidiu marchar, coa motivación de ampliar horizontes e coñecer outros lugares, mais fundamentalmente por motivos económicos, na procura de novas oportunidades.
A viaxe a Suíza foi en taxi xunto coa súa amiga, un matrimonio de Betanzos e outra moza que non coñecía, Paquita, que levaba unhas maletas cheas de carne de porco. En Berna, Rosa vivía no mesmo hotel onde traballaba, situado nun lugar fermoso, en plena natureza. Lembra como lle chamaba a atención a limpeza e a orde dos suízos no funcionamento das institucións e das empresas. Durante esta etapa en Berna, Rosa foi moi feliz, gustáballe moito o lugar e, sobre todo, poder gozar da súa liberdade.
Ao ano de estar alí, foron tamén traballar a Suíza a súa irmá e o seu cuñado. Sete anos máis tarde, a súa irmá tomou a decisión de regresar a España e iso motivou que a ela lle entrasen dúbidas de se regresar tamén, mais unha amiga comentoulle que para poder cobrar unha pensión no futuro tiña que estar un mínimo de dez anos traballando e cotizando en Suíza. Así pois, como só lle faltaban dous anos máis para conseguila, decidiu ficar no país, e mudouse con esta amiga para Xenebra.
Na nova cidade comezou a traballar nun hotel onde só estivo un mes, porque o ambiente que había non lle gustaba. Mais, o seu maior problema era que non atopaba vivenda, polo que ao principio residía na casa da súa amiga. Pouco despois, encontrou traballo como costureira, e durante ese tempo viviu na casa da señora para a que traballaba. Rosa estaba desesperada porque non quería continuar vivindo así, e decidiu que era mellor regresar a España que estar nesas circunstancias.Cando xa tomara a determinación de volver, un amigo da súa xefa buscoulle un apartamento, e despois encontrou un novo emprego na maternidade dun hospital, onde traballou ata a súa xubilación
Rosa comenta que a xente en Suíza sempre foi moi acolledora e amable con ela, e que os galegos estaban ben valorados no traballo. No referente ao idioma, pouco a pouco foino aprendendo de oído, e conseguiu entendelo e falalo. Durante os anos que estivo na emigración, mantiña a comunicación coa familia a través de carta e teléfono, e todos os veráns viña de vacacións a Pontedeume.
Valorando a súa experiencia, Rosa di que non dubidaría volver a Suíza, xa que alí aprendeu moitas cousas da vida e foi feliz. Aínda que nun principio ía con receo debido á educación que recibira en Pontedeume, a emigración permitiulle superar os seus medos e medrar como persoa. Ademais, alí puido facer a súa vida e aforrar para poder regresar a España cunhas boas condicións.

En 1981 cos seus compañeiros de traballo en Suiza
No ano 1989 coas súas compañeiras de traballo