Con vinte e dous anos de idade, Joaquín decidiu emigrar para fuxir da pobreza, xa que aquí non vía opcións de futuro. Un dos seus curmáns, que residía xa no País Vasco, animouno a marchar para aló, e en 1961 decidiuse a partir.
Joaquín recorda que unha das cousas que máis lle sorprendeu foi a viaxe en tren. Eles collían o tren na Coruña e ían sentados, mais ao chegar a León era tal a cantidade de xente que xa non collían nos asentos, e ían amontoados nos corredores. Era imposible camiñar, e a xente saía polas ventás. Ademais, conta que os asentos eran de madeira, polo que chegaron ao seu destino completamente entumecidos.
Durante os primeiros meses no País Vasco empregouse como zapateiro, oficio que xa exercía en Galicia. Mais como este traballo era moi suxeito acabou por deixalo, e o seu curmán meteuno nun taller de máquinas e ferramentas. Aínda que no País Vasco había moito traballo e moita industria, non tiñan vivendas suficientes para tanta xente. Por iso, o principal problema co que se atoparon foi que tiveron que compartir unha casa vella, vivindo catro ou cinco familias xuntas.
No País Vasco as persoas galegas tiñan moito traballo onde elixir. Estaban moi ben valoradas, e os empresarios íanos buscar aos trens para facerlles xa contratos indefinidos. Por outra parte, traballábase segundo a produción en prima e sempre había alicientes para que a xente traballase máis.
Joaquín mantiña contacto coa familia a través de dúas ou tres cartas semanais, xa que aínda non había teléfono. Aínda que estaban moi ben integrados na vida alí sentían moita morriña de Galicia, e tres veces ao ano volvían para pasar aquí as vacacións. O regreso definitivo foi no 2000, motivado pola súa xubilación e polo falecemento dun fillo; alí non tiñan nada que os atase, e aquí tiñan a familia. Non obstante, custoulles volverse a adaptar á vida en Galicia; o primeiro ano foi malo de levar, e incluso chegaron a arrepentirse de regresar.
Joaquín valora a súa experiencia na emigración como moi positiva e afirma que, se tivesen que volver, non o dubidarían. Alí fixeron grandes amigos e foron sempre moi ben recibidos.