En 1954, con dezanove anos, Carmen decidiu emprender rumbo a Inglaterra por circunstancias familiares, xa que o seu pai estaba emigrado naquel país. O seu pai, que estaba embarcado a maior parte do tempo, buscoulle unha familia amiga para vivir alí. Brenda, unha das fillas desta familia, sabía algo de español, e isto axudoulle a Carmen a se sentir integrada e axudada.

En Inglaterra Carmen traballou como costureira nun taller, e co tempo chegou a dar clases de costura a mulleres nun colexio. O que máis lle chamou a atención no ámbito laboral foi que, mentres en España lle pagaban como costureira dez pesetas, alí empezou a cobrar tres libras á semana.

A vida cotiá no estranxeiro foi boa, e a relación coa familia mantíñaa a través de carta semanal. A avoa de Carmen, ao ver marchar a súa neta, chegou a dicir que prefería ver a súa filla morta que vela marchar. Unha das cousas que máis lle doeu naquel momento foi ter que se separar do seu mozo. A distancia e a familia acabaron por facer que se deixaran, aínda que no ano 1957 volveu a España de vacacións e empezaron outra vez a relación. No ano 1960 tamén el emigrou a Inglaterra e buscou traballo, e finalmente casaron e formaron a súa familia alí.

En 1971 tivo lugar o regreso a España. O matrimonio non quería que os seus fillos se criasen en Inglaterra, xa que había cousas que non lles gustaban. A volta foi moi dura para Carmen, que pensou en volver para Inglaterra, mais o seu home e os fillos estaban encantados aquí.

A valoración xeral da experiencia é moi positiva, e comenta que os ingleses foron xente boa e agradable con eles. Carmen recorda todo con moito cariño e felicidade, xa que alí casou e formou a súa familia.