Os pais de Aurora emigraron a Suíza en 1962 por motivos económicos e deixárona a ela aquí cunha tía, e a súa irmá cos avós. En 1965 os seus pais regresaron de visita, mais no momento de marchar as nenas aferráronse ás pernas deles para que as levasen. Así foi como marchou para Suíza á idade de doce anos.
A vida cotiá no país de acollida foi difícil durante os primeiros meses, xa que ía á escola e non entendía nada. Os seus pais decidiron mandala a unhas clases para aprender alemán e así se foi integrando. O que máis lle chamaba a atención dos suízos era a súa puntualidade, a limpeza e a orde.
En Suíza coñeceu ao seu home, un amigo dos seus pais tamén emigrante; pouco a pouco foi xurdindo a relación e viñeron casar a España. Ata que tivo fillos, Aurora traballou nunhas oficinas.
No ano 1975 houbo unha crise en Suíza, e o seu pai animounos a que montasen un restaurante, La Bodega. A maior parte da clientela eran suízos, e rexentaron o negocio durante dezasete anos. Nese momento Aurora púxose enferma e levar o restaurante supoñíalle moita tensión, polo que decidiron deixalo todo e regresar a Galicia. O retorno non supuxo ningún momento traumático, xa que eles tiñan aquí a súa propia casa e viñan todos os veráns a pasar as vacacións.