Dorinda naceu en Sober (Lugo) en 1946. Con tan só 17 anos, ao falecer o seu pai, decidiu emprender o camiño da emigración, xa que en Sober non podía labrarse un futuro.
En Vigo, no Instituto de Emigración, informárona de postos de traballo vacantes en distintos puntos de Europa. Finalmente decantouse por Suíza, a onde marchou en 1964, nunha viaxe en tren desde Monforte que lle levou tres días. Coa xestión feita desde aquí, Dorinda marchaba cun contrato de traballo para a empresa de reloxos Rolex en Xenebra. O seu traballo consistía en pulir pedras preciosas.
Nun principio, Dorinda vivía nunha residencia para mulleres que lle facilitaba a propia empresa, compartindo habitación, cociña e outros servizos comúns con varias persoas. Para se comunicar e desenvolverse na vida diaria, viuse obrigada a estudar idiomas: Nun primeiro momento iniciouse co italiano, que lle resultaba máis próximo ao galego e ao español, e despois aprendeu francés coa axuda dunha compañeira e co apoio de clases particulares. As clases custábanlle 7 francos a hora, e ela cobraba 2 francos a hora.
Durante sete anos traballou na fábrica de Rolex, e posteriormente cambiouse para un almacén de roupa, onde comezou como dependenta e despois ascendeu a encargada. Dorinda comenta como alí xulgaban aos empregados pola súa capacidade para o traballo e non polos estudos que tivesen. O seu derradeiro emprego foi como ama de chaves.
Segundo Dorinda, a sociedade suíza era moi educada, mais con certa reticencia cara aos emigrantes. Aínda que se adaptou moi ben, botou moito en falta a familia, cos que se comunicaba por carta mensualmente. En Suíza fixo a súa vida, casou e tivo un fillo.
En 2000, Dorinda regresou soa a Galicia para coidar súa nai enferma, deixando alí o seu home e o seu fillo. Tempo despois, o seu home veu para instalarse aquí definitivamente, mais o seu fillo e os seus netos residen en Suíza, a onde viaxan con frecuencia para os visitar.