José Patricio Recamán naceu en Santa Cristina de Cobres, onde estudou desde os cinco aos once anos cun só libro que xa sabía de memoria, e axudaba nos labores do campo a seus pais. Con catorce anos marchou de aprendiz de carpinteiro a Placeres, e co que gañaba custeaba os estudos de técnico de Radio. Con isto puido traballar nunha empresa de radio e electricidade facendo instalacións e aparatos de radio que despois vendía, e foi así como puido mercar unha moto.

Unha vez rematado o servizo militar, con vinte e un anos, José emigrou a Xenebra para acompañar a súa irmá, que viaxaba para se reunir co seu home. Alí encontrou traballo de electricista para a empresa de Félix Badell, mais debido a problemas burocráticos tivo primeiro que marchar a Francia para volver entrar en Suíza, xa que sen contrato de traballo e sen revisión médica non se podía estar no país.

Nun primeiro momento vivía nunhas barracas, e despois nunha casa vella con outras vinte e cinco persoas, onde tiñan liteiras e unha cociña común. De día traballaba e de noite estudaba, e cando mellorou o francés comezou a traballar en Torres Amsa, ao principio de electricista e despois de técnico de televisión. A empresa facilitoulle un pequeno estudio para vivir, e foi mellorando e ascendendo ata se converter en responsable dos técnicos de reparación a domicilio.

José conta como axudou a moitos compatriotas sen papeis, tanto para levalos a aquel país coma para lles buscar traballo. A súa experiencia na emigración foi moi boa, mais conta como outros compañeiros o pasaron realmente mal. Lembra a historia dun señor do Porriño que foi expulsado de Xenebra, e á terceira vez tirouse do tren en marcha e regresou andando pola neve e pola vía do tren xunto aos seus compañeiros.

O regreso de José a Galicia prodúcese debido a unha enfermidade grave da súa muller. Á súa volta a Santa Cristina continúa a traballando como reparador de televisións e outros aparatos eléctricos para unha empresa de Madrid, sempre actualizando os seus coñecementos para estar ao día.

Cando marchou para Suíza