Elisa, de Castrelo de Miño (Ourense), arrancou rumbo a Alemaña no ano 1966 co seu marido. As posibilidades de medraren economicamente na súa localidade eran mínimas, as súas expectativas estaban centradas no mundo da agricultura e non era o que desexaba. Nesa época a provincia de Ourense experimentou unha forte corrente migratoria porque, coma Elisa, moitas mulleres e homes querían prosperar e non vían xeito de o facer nunha Galicia atrasada pola posguerra e a ditadura, onde a economía agraria das zonas interiores era a menos favorecida.
Saíron nun tren con outras persoas emigrantes, levando canda si un contrato de traballo para unha fábrica metalúrxica situada en Hanau, Alemaña, onde debían fundir diferentes materiais. Ao chegar xa tiñan todo solucionado, a propia empresa proporcionáballes vivenda, no seu caso, un faiado a tan só uns 6 Km.
Aprender o idioma resultoulles complicado, aínda que lles facilitaron as cousas ofrecéndolles intérpretes para se comunicaren cos responsables da fábrica. Cos compañeiros, moitos deles tamén españois, non tiñan problema, e os alemáns tamén intentaban facerse entender en español, porque coñecían algunhas nocións básicas do idioma. Aínda así, un dicionario de español-alemán era o seu grande apoio para iren avanzando.
No tempo de lecer, Elisa saía de paseo co seu home, con outras compañeiras e cunha amiga nativa. Valora moi positivamente a súa integración en Alemaña e a acollida que lle brindou a súa xente. Porén, aínda atopándose nunha situación cómoda no económico e social, o seu periplo na emigración non durou demasiado, regresaron a España aos dous anos porque enfermou o seu fillo.
De volta en Galicia, ao primeiro foron encargados dunha granxa e logo abriron a súa propia tenda de ultramarinos. Hoxe, con 77 anos, Elisa garda moi bos recordos da súa estadía no estranxeiro e, sen dúbida, volvería repetir a experiencia.
A súa actitude e vitalidade permítenlle na actualidade formar parte do coro, o grupo de teatro do centro e ter rodado unha serie para a TVG, «Ruta 66».