Margarita viviu en Vigo cos seus pais e os seus dous irmáns. Un dos seus avós rexentaba en Ourense un bar e amañaba os documentos para os emigrantes iren a América, que eran moitos naquela época. O seu pai, que tiña negocios, decidiu marchar a Venezuela en 1955 para probar mellor sorte, e un ano despois, unha vez que o seu pai se instalou no país, o resto da familia emigrou tamén para reunírense todos en Venezuela.

Con 7 anos, Margarita partiu con destino a Caracas no transatlántico El Antilles, nunha travesía que durou vinte días. Alí estudou no colexio San José de Cluni, onde a maioría de nenos tamén eran emigrantes. Margarita lembra Caracas coma unha cidade enorme, moito máis moderna que calquera cidade galega da época, e cuns maxestosos Carnavais.

Un ano máis tarde, con só 8 anos, Margarita e os seus irmáns regresaron sos nun voo vía Madrid, e despois en tren ata O Porriño. A ela ingresárona nun internado dirixido por unhas monxas francesas, e os seus irmáns vivían con outros familiares. Aínda que os irmáns se reunían periodicamente, ela botaba moito en falta a vida familiar. Margarita recibía cartas semanais dos seus pais, e ela tamén lles escribía, mais todas as cartas pasaban a revisión e censura por parte dos dirixentes do internado.

Margarita diferenciábase dos demais nenos e nenas polos xoguetes que lle enviaban seus pais desde Venezuela, cousas que naquela época non había en España. Porén, non podía gozar do cariño da súa familia.

O pai de Margarita montou en Venezuela varios negocios, mais a situación do país volveuse inestable e decidiu regresar. A familia ao completo reuniuse de novo en 1963, cando ela tiña 15 anos de idade. A emigración, conta, foi un episodio moi importante da súa infancia.

Margarita en Caracas