A pesares de seren a única filla dun dos dous médicos oculistas de Pontevedra e con 6 irmáns, María de los Ángeles naceu con alma de emigrante. Dende pequena quería coñecer outros países e vivir a vida dos seus habitantes, e conseguiuno. Pero ela sempre di que foi unha emigrante privilexiada, porque en todas partes foi acollida cos brazos abertos. E porque a súa motivación foi máis a curiosidade por coñecer outras culturas, outros países e os seus habitantes, máis que a motivación económica e a necesidade que mobilizou a milleiros de emigrantes galegos da súa xeración. Conta que tiña curiosidade por coñecer aos habitantes dos países que visitaba, pero que eles sentían o mesmo por ela.

Cando rematou o bacharelato en Las Doroteas, marchou a Madrid e obtivo un diploma de francés na Escola Central de Idiomas, que a facultou para ensinar e gañar cartos que lle proporcionasen a súa independencia.

Aos 18 anos comezou a estudar Dereito, e pasou o verán do terceiro curso en Francia traballando como au pair. No verán do cuarto ano traballou como obreira en Alemaña na fábrica de produtos farmacéuticos Merck e despois de rematar a carreira foise un ano a Berlín, onde realizou diversos traballos. Despois foise vivir a Madrid onde puxo un anuncio no xornal e despois de dous días conseguiu traballo.

Cinco anos despois a súa empresa trasladouna a Barcelona. Despois aceptou unha indemnización e volveu a Cambridge e logo a Londres, onde pasou dous anos, o primeiro como au pair e despois traballando nunha empresa comercial.

Máis tarde volveu a Pontevedra pero tres meses despois ofrecéronlle un traballo en Milán como profesora de español en 1975. En 1976 debutou como deseñadora de prendas de punto con fins publicitarios e tivo un enorme éxito.

De 1976 a 1993 compaxinou varios traballos, pola mañá traballaba como deseñadora e polas tardes de 14:00 a 17:30 horas como asistenta da dirección xeral, e de 18:00 a 21:00 horas como profesora de español.

Durante este tempo tamén traballou como tradutora, intérprete de conferencias e artista. En xuño de 1986 realizou a primeira exposición das súas “tramas” en Spoleto, durante Il festival dei due mondi. Seguiron outras exposicións e premios.

Sempre lle gustou viaxar, e un dos seus destinos favoritos foi sempre a India e o Mar Vermello. Actualmente céntrase na súa actividade como artista de “reciclaxe de la” e pásao moi ben.

En 1966 en Berlín ao outro lado da RDA
Nunha comida de traballo como intérprete
No seu estudio
En 1987 en Spoleto, Italia, á entrada da súa exposición