Carmen e o seu marido residían en Vigo e a comezos dos anos 70 decidiron emigrar a Suíza. Os seus salarios en España eran moi axustados e non vían a posibilidade de poderen mercar vivenda e asemade dar unha boa educación aos seus fillos, así que decidiron coller as maletas. Os seus fillos por aquel entón xa eran grandiños e ficaron en Galicia cos avós.

Foi no ano 73 que se trasladaron a Berna co propósito de aprenderen francés, o que desde un primeiro momento consideraron imprescindible tanto para se integraren alí coma para teren a posibilidade de acceder a un mellor posto de traballo. Carmen desenvolveuse ben cos idiomas, tanto o francés coma o italiano entráronlle á primeira. Ademais de polo feito de estar alí e terse que se espelir, conta que lle axudou o seu gusto polo cinema, ao que acudían acotío.

Escolleron Berna porque un familiar animou o seu marido a ir para alí traballar nun hotel onde estiveron tres meses, mais axiña puideron conseguir un mellor posto de traballo. A través do banco contactaron cunha embaixada a onde os destinaron como maitre de hotel, e a ela como gobernanta.

A nivel social atopáronse cómodos ao pouco de chegaren porque había numerosos españois. Deseguida se fixeron amigos dalgúns deles, sobre todo de xente galega, e tamén de persoas de alí e doutras nacionalidades. Integráronse axiña na vida social e cultural de Berna, e é que gozaban indo ao cinema –preferentemente cinema antigo, francés e italiano, que vían en versión orixinal–, a concertos e ao teatro, ademais de pasear polas súas rúas. Souberon adaptarse e sacarlle partido á súa estadía alí, onde xa cumpriran 10 anos de casados.

O nivel de vida en Suíza era moi elevado, mais tamén os salarios eran superiores aos de España. O de cada un deles superaba con moito o que xuntos acadaban aquí. Así que foilles ben, levaban unha vida folgada e puideron facerse con cousas antes impensables, coma un Austin, o seu primeiro coche.

A cidade era fermosa, limpa e coidada, cunha organización impecable. Todo funcionaba moi ben: a educación, a sanidade, a política. A xente era moi honesta e educada. Notaron un cambio significativo neste aspecto ao volveren a España no ano 2006, despois de máis de 30 anos en Suíza. Decatáronse de que alí todo estaba moi controlado, os trámites burocráticos eran rápidos e sinxelos, o contrario ca aquí. A compra de vehículos, as citas médicas, non existían listaxes de espera. Non había sanidade pública, mais para o persoal das embaixadas os seguros privados eran moi bos. Se alguén faltaba a unha cita médica concertada, sen un aviso previo de ao menos 48 horas, debía aboar o importe íntegro da consulta. Os comercios deixaban os produtos na rúa, prensa diaria, alimentos do campo, o habitual era que nos postos houbese unha cesta onde todo o mundo deixaba o importe correcto, sen necesidade de que ninguén comprobase que era exacto, porque confiaban uns noutros. Ao chegar déronse conta de que as actitudes e costumes frecuentes alá, aquí eran moi inusuais.

A nivel de integración familiar recoñece que tiveron moita sorte e que a propia embaixada os animou desde os primeiros anos do seu traslado a levaren os seus fillos a Suíza para pasaren xuntos os meses de vacacións. Ao primeiro só os estivais, mais co tempo tamén no Nadal, co que os cativos aprenderon perfectamente o francés e actividades coma esquiar. Desde moi cedo comezaron a ir a Suíza decote, o que favoreceu que a súa filla, xa adulta, decidise tamén trasladarse ao país alpino, onde reside na actualidade.

Carmen, a día de hoxe, ten moi claro que para que vaian ben as cousas o imprescindible é saberse integrar, por suposto, desenvolverse no idioma do país, e ser humilde e honesto coa xente. A eles foilles moi ben, e con frecuencia botan en falta aqueles tempos, aínda que grazas ao esforzo que pasaron, a súa vida actual en Galicia é moi boa. Posúen casa en Vigo e na praia, onde residen nos meses do verán.

Alsacia 1971 , pasando a fronteira a Basilea
Foto 2
No verán de 1982 en Berna cos seus fillos
Grindelwald, as montañas dende o funicular
Grindelwald, outubro de 1992, vistas dende o funicular
Maio de 1999, co seu home e unha amiga suiza en Lucerna
De visita en Swisminiatur, na que está representada toda Suiza
Monterroso no verán de 1997, coas montañas nevadas ao fondo
Murten ou Morat en novembro de 1992. Comuna histórica do cantón de Friburgo
Neuchâtel, en xuño de 1971 co seu home
Pilatus en 1991
Riggisbert, comuna suiza do canón de Berna, xaneiro de 1983 coa súa filla
Foto 14
Foto 15
En Wengel