Abel é de Alfoz, Lugo, e vén dunha familia de nove irmáns. O maior axiña emigrou a Alemaña e aos poucos foi levando aló a maior parte deles. Nos 60 Alemaña precisaba man de obra, había moito traballo no sector industrial e pagábase ben. Abel marchou con dezaoito anos, o pai finara cando el aínda contaba trece anos e a emigración era o mellor xeito de axudar o resto da familia en Galicia. Traballou en Ferverai, unha importante empresa do sector téxtil. A súa mocidade axudouno a aprender rapidamente todo o proceso de produción, desde as tintas e as mostraxes ata o deseño, polo que axiña estivo encargado dunha máquina.

Foi máis fácil manexar os aparellos da fábrica que adaptarse á vida na Alemaña, o choque cultural foi moi importante, sobre todo tendo en conta que, nesa época, o país teutón estaba moito máis avanzado ca España, non só desde o punto de vista económico senón tamén no modo en que funcionaba o mercado laboral, no relativo ao sistema sanitario público ou mesmo no funcionamento do transporte.

No laboral, Abel considerábase ben pagado e era quen de aforrar cartos. Traballaba cinco días á semana mentres que en Lugo non podía permitirse ningún descanso, o que o obrigaba a traballar tamén sábados e domingos.

Logo de tres anos decidiu cambiar de aires e marchar a Australia, daquela viuno como un país cheo de oportunidades, polo que pagaba a pena embarcarse nesa aventura. Chegou a Sidney no ano 68 e ao pouco integrouse no grupo do Coro Alemán, xa que tiña alí moitos amigos cos que se entendía ben. Percorreu todo o país, aínda que se estableceu finalmente en Sidney, ben por ser unha grande urbe, ben porque había moitos españois e galegos, ou quizais polo coro ou porque xa existía o Club Español, situado en Liverpool Street. Alí, ademais dunha escola e unha boa biblioteca, podía reunirse cos seus coñecidos españois nos bailes da fin de semana ou arredor dos xogos de mesa.

Malia que o seu plan inicial era o de botar un par de anos en Australia para logo probar sorte en Canadá ou nos Estados Unidos, acabou quedando alí, onde abriu o seu propio restaurante, El Zorro, que tiña arredor de oitenta prazas, menú español con pratos por menos de dous dólares e que se converteu en parada habitual de portugueses, italianos, gregos e tamén dos australianos, que apreciaban a súa calidade. O negocio creceu grazas ao duro traballo e fíxose un local moi coñecido onde se organizaban vodas. Non obstante, logo de dous anos, un empeoramento da economía obrigouno a traspasalo. A gran vantaxe de estar en Australia é que resultaba moi sinxelo atopar novos traballos, alí había unha liberdade laboral e de mobilidade que non existía en Alemaña e menos aínda en España, polo que axiña puido poñerse a traballar de camareiro e tamén no aeroporto de Sidney. Unicamente era necesario o Filenumber (semellante ao NIF), realizábase unha xestión sinxela e inmediata de alta no libro de contabilidade da empresa, que era quen a comunicaba ao sistema de emprego. Non existían os contratos e, neste modelo laboral, a Abel sempre lle foi ben, en parte grazas a un amigo alemán que lle proporcionaba traballos casuais (como facer partes para consulados), mais tamén pola boa reputación como traballadores dos españois e pola súa boa disposición e valentía para emprender novos proxectos propios coma un servizo de compra-venda ou unha axencia de viaxes.

Foi nesa época cando, xunto a un bo amigo, fundou o Centro Galego de Sidney, do que foi presidente. El era o encargado de levar todos os datos e organización de persoas socias o que lle permitiu coñecer moita xente, tanto española como australiana ou doutras nacionalidades, coma a súa dona, de orixe portuguesa, á que coñeceu a través do centro e coa que tivo dous fillos.

Aínda que durante os primeiros doce anos non tivo oportunidade de volver a España, mantivo o contacto coa súa nai e os irmáns mediante correspondencia, xa que as conferencias telefónicas intercontinentais apenas se empregaban e eran excesivamente caras. Sentiu o que era a morriña, mais cando puido regresar, coa dona e os seus dous fillos xa adolescentes, non barallou Alfoz para establecerse, o seu lugar de orixe, senón que, logo de pasar algunhas semanas para coñecer a cidade, se decidiron por Vigo. A Abel gustoulle o movemento industrial, o porto, o ambiente da cidade e, sobre todo, o clima e a contorna.

Ao comezo dos anos noventa déronse unha serie de factores que provocaron que a familia decidise facer de novo as maletas. A situación económica no país era complexa, especialmente na cidade de Vigo que estaba afectada de cheo pola reconversión do sector naval. Os fillos remataron o bacharelato e debían marchar da cidade para estudar as súas carreiras. Isto, unido a que nesa primeira etapa na cidade olívica estrañaban, en certo sentido, o tempo pasado en Australia, fixo que se decidiran a volver, ao tempo que os fillos estudaban xuntos na mesma Universidade.

Aínda que os fillos, que falan varios idiomas (inglés, portugués, italiano, alemán, castelán e galego) decidiron facer vida en Australia, Abel e a súa muller regresaron no ano 2002 ao barrio de Teis, en Vigo, onde Abel pertence ao Coro do Centro Recreativo, lugar en que se reúne con moitos compañeiros que comparten con el a vivencia da emigración, algúns a Alemaña, outros a Suíza, Uruguai, África,… Mesmo a directora do coro é cubana!

Primeira foto en Alemaña (cos seus amigos, un portugués, un ourensán...)
Abel en Sidney co Coro Alemá
Nunha festa, de ahí saliu o Centro Galego en Sidney
Última foto de Abel en Galicia en 1965 antes de emigrar, con un dos seus mellores amigos (Director da Banda de Foz)
Tocando música tradicional galega, nunha festa no Centro Galego de Sidney no Día da Patria.
Na ponte de Sidney (La Pier) Australia
En Sidney montou un restaurante, “El Zorro”, era mala época, de depresión, o tivo aberto menos de dous anos.
A Abel entrevistárono na TVG , con motivo dunha reportaxe de Galegos Retornados. Na foto está coa reporteira , mostrándolle o percorrido que fixo por toda Australia