Isabel tiña 25 anos cando emigrou a Venezuela, en 1949. Os anos posteriores á segunda guerra mundial foi unha época de grandes carencias. Isabel e o seu home tiñan o seu primeiro fillo acabado de nacer. Primeiro emigrou o seu marido, que saíu de Canarias nunha viaxe clandestina en barco de vela. O barco non tiña ben rexistrada a propiedade, do que se derivaron problemas legais nunha escala en Dakar (Senegal). Para poder continuar viaxe noutro veleiro ata Venezuela, tivo que vender os seus efectos persoais. Un ano e medio despois embarcou ela co seu fillo; a travesía durou trinta días. En Caracas naceron os seus seguintes fillos. Relata Isabel que buscou emprego para contribuír cos seus ingresos á economía familiar e o moito que debeu traballar, ocupándose, ademais, dos rapaces e as tarefas domésticas.

Isabel estudara secretariado, mais, coma a maioría das mulleres da época, non traballara nunca fóra da casa, pois ao seu pai non lle parecía ben que as mulleres traballasen fóra da contorna familiar e non llo permitía. Por iso, aínda que fora unha hábil mecanógrafa, non practicara moito nos últimos anos. Cando, xa en Caracas, lle fixeron unha proba nunha empresa construtora non lles pareceu o suficientemente rápida coa máquina de escribir, mais contratárona como telefonista. Co tempo, traballou como secretaria para grandes compañías americanas, entre outras a Chrysler e o Instituto Venezolano de Investigacións Científicas.

O seu marido era contable e traballaba tamén para grandes compañías, viaxaba moito e cambiaba con moita frecuencia de empresa. Nos vinte anos que estiveron en Caracas, precisa Isabel que o seu marido estivo empregado en 21 compañías distintas. Estes continuos cambios de empresa do home requirían dela maior dedicación aos nenos, polo que para ela aqueles foron anos duros, procurando manter a estabilidade na súa profesión e na súa familia.

En 1969, aos vinte anos de estar en Venezuela, ao seu marido ofrecéronlle emprego nunha compañía radicada en Canadá. Coma na anterior situación migratoria, o marido de Isabel adiantouse na súa partida ao novo lugar de destino, viaxando posteriormente Isabel cos seus fillos.

En Canadá ela aprendeu francés. Conseguiu un traballo como correctora de probas nun departamento de Nacións Unidas en que necesitaban unha persoa de lingua española con coñecemento profundo do francés. O seu traballo consistía en revisar as traducións no proceso de edición para evitar erros na publicación. Desempeñou esta función para Nacións Unidas durante dezaoito anos, ata que se xubilou con 62 en 1988.

Tras a súa xubilación non regresou inmediatamente a España. Durante varios anos residiu en diferentes países de América Latina: na Arxentina, O Perú, Ecuador, O Brasil, O Uruguai...Tamén en Filipinas, Australia, Singapur e na China (Beijing).

Aos seus 92 anos é unha incansable viaxeira. Non reside definitivamente en Galicia. Logo de sesenta e sete anos fóra do seu país, segue pasando longas tempadas –case medio ano–, fóra de España. Desde 2016, durante a época de clima máis suave en Canadá, aproveita para pasar tempo cos seus fillos que residen alí. Permanece en Vigo de decembro a maio, aproximadamente; de xuño a novembro está fóra de Galicia. Este ano aproveitará o mes de xuño para viaxar cunha amiga ao Xapón.