Berta sempre viviu a emigración de forma moi próxima xa que algún dos seus tíos maternos emigraron e formaron as súas familias en EEUU e O Uruguai. Tamén ela mesma foi emigrante, pois no ano 2001, despois de se separar, foi traballar a Andorra a un complexo hoteleiro de nova creación onde conviviu con traballadores de Francia, Marrocos ou O Uruguai. Profesora de educación infantil, a Berta ofrecéronlle poderse encargar dun proxecto educativo con nenos pequenos. Permaneceu en Andorra durante tres anos traballando en varios proxectos por distintas parroquias. Foi titora de gardería na Masana, traballou en perfumerías Julia, e tamén nun restaurante de nova creación con tres cociñeiros internacionais (francés, portugués e italiano) onde era responsable do bufete frío e axudante de pâtisserie.
Berta pensou en se establecer definitivamente en Andorra, e incluso investiu na compra dun piso en Arinsol, mais finalmente veu moitas dificultades xa que o nivel de vida era moi alto, as pensións de xubilación limitadas, e os proxectos de inversión ían moi lentos, e nese momento recibira unha parte de herdanza familiar que preferiu investir en Cataluña, onde viaxaba con certa frecuencia. Vendeu o piso de Andorra e en 2003 trasladouse a Reus, onde mercou unha casa en Nou Cambrills. Alí traballou de comercial en proxectos inmobiliarios e casou co seu segundo marido, un catalán de Priorat, establecéndose alí durante case tres anos.
Finalmente retorna a Galicia, pois a morriña pola súa terra natal pesaba; nun momento en que faleceron seres moi queridos aquí, e animada polo seu home, establecéronse en Vigo. O retorno a Galicia non lle custou. Neses momentos a política de vivenda da Xunta de Galicia en alugueiros subvencionados promovía moitas facilidades e rapidamente comezou a traballar no sector inmobiliario, que coñecía ben polas súas experiencias en Andorra e Cataluña.