Juan, o menor dos varóns de seis irmáns, naceu en Ponte Vargas, Ourense, na fronteira con Portugal. O seu pai morreu cando el contaba apenas doce anos, así que sempre tivo que buscar a vida pola súa conta. Con dezaoito anos emigrou a Alemaña cun contrato para traballar durante un ano nunha fábrica de mobles en Hannover. A súa nai e os seus irmáns sabían que non ía ter problema para se desenvolver en calquera circunstancia.
Unha vez instalado no país decidiu quedar máis tempo, pois as oportunidades de traballo eran moitas. Estivo uns meses nunha empresa de conservas, e despois marchou a Dusseldorf, en Renania, a traballar nas minas de carbón de Gelsenkirchen. No seu día esta rexión formou parte dunha das cuncas mineiras máis importantes no proceso de industrialización de Europa e foi especialmente activa durante o III Reich. A central de carbón conta coas chemineas máis altas de Alemaña, a trescentos dous metros do chan.
Juan vivía nunha residencia con outros emigrantes galegos compartindo unha habitación para tres, e relata unha experiencia profesional e vivencial extraordinaria. Aprendeu a falar alemán con rapidez, aínda lembra moito vocabulario con facilidade, e estableceu unha estreita relación coa familia do encargado da mina e cun compañeiro alemán que tiña dous fillos xemelgos cos que pasaba moito tempo.
O traballo na mina era duro, e o soldo non estaba mal. El cubría a quenda de noite, entraba ás 22.00 h., e era habitual que as xornadas se prolongasen ata o mediodía do día seguinte. Juan lembra perfectamente o ambiente da mina, os vagóns de carga, os raís, as dez plantas de galerías.... Na última, onde estivo, había dez quilómetros de distancia que tanto persoas como mercadorías percorrían en vagóns. Había ascensores independentes para os obreiros, para o carbón, e para os accidentados, e tiñan que tocar a campá cada vez que subían no ascensor da mina para avisar que estaban en uso. Os accidentes eran habituais: nada máis chegar houbo un con cinco mortos, mais Juan nunca tivo medo, quizais pola súa xuventude. Ían con filtros de osíxeno de dúas horas de duración, coa cantimplora chea de té, e cunha lámpada que ía ata o casco. Organizábanse en cuadrillas en que había españois, gregos, italianos, turcos, alemáns...
Juan garda moitos recordos do ambiente social de Düsseldorf, das rúas e do tranvía que percorría a cidade. E comenta cun sorriso que sempre vestía dunha maneira moi formal, con traxe, abrigo e sombreiro, pois era o costume nesa época. Durante os case cinco anos que estivo en Alemaña só regresou a España nunha ocasión, mais nin a distancia da familia nin a adaptación lle supuxo ningunha dificultade. Retornou con case vinte e tres anos e encontrouse coa obriga de cumprir o servizo militar en Melilla.
Todas estas experiencias foron convertendo a Juan, a pesar da súa xuventude, nun traballador experimentado e adaptable a moitas contornas industriais. No seu retorno exerceu como peón de albanelaría na empresa hidráulica de Frieiras, cerca da súa aldea natal en Ourense; nunha fábrica de plásticos, onde gañou moito diñeiro mais non tiña estabilidade; e despois no grupo Álvarez, en Vigo, onde pola súa profesionalidade ascendeu rapidamente de peón a xefe de cuadrilla, ata ser nomeado nun breve espazo de tempo encargado de fábrica. Foi nesta empresa onde desenvolveu a súa carreira profesional ata a súa prexubilación aos cincuenta e cinco anos, en 1998.
Juan conta con orgullo que, ao igual que moitos da súa xeración, non tivo a posibilidade de desenvolver unha carreira profesional con estudos, pero loitou e traballou moito para que os seus catro fillos os tiveran, consciente das oportunidades que dan.

Coa súa cuadrilla en Gensenkirchen
Coa súa roupa de mineiro
En Alemaña
Carné de conducir
Carné de conducir
Cos seus fillos mellizos